Máis de 60 persoas participan no Taller sobre Producións non Madeireiras do Monte e a IV Xornada de iniciación á Micolóxica da Deputación
A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, inaugurou este sábado na Estación Científica do Courel o Taller de producións non madeireiras do Monte organizado pola Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica, e IV Xornada de iniciación á Micoloxía, que organiza a Estación científica do Courel da USC. Fíxoo xunto ao Director da Estación Científica, Antonio Rigueiro Rodríguez, e o Coordinador do Taller, Xan Neira Seijo. O organismo provincial colabora coa Universidade de Santiago de Compostela para a celebración deste tipo de actividades durante todo o ano, cunha achega económica de 50.000 euros.
López Izquierdo destacou que a celebración deste encontro, servirá para poñer en valor a biodiversidade da nosa provincia, analizando e dando a coñecer, en particular, a súa riqueza micolóxica. A Deputada subliñou o prestixio dos expertos que participan durante toda esta xornada de carácter formativo e divulgativo.
O evento, no que participan persoas de toda Galicia, comezou cun relatorio sobre sistemas silvopastorais, a cargo de María Rosa Mosquera Losada, profesora do Departamento de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC. A continuación, o enxeñeiro de Montes Abel Yáñez Armesto guiou unha aproximación ao mundo da apicultura.
Deseguido, tivo lugar unha sesión sobre plantas medicinais e aromáticas e outra relativa a froiteiras arbustivas, a cargo das tamén profesoras do Departamento de Produción Vexetal da USC na EPSC, Rosa Romero e María Belén Díaz Hernández, respectivamente, completan a primeira parte do programa matinal desta xornada.
Os froitos e as sementes das árbores, os cogomelos comestibles e os cogomelos tóxicos son outras das cuestións que abordaron neste foro os profesores da USC Santiago Pereira Lorenzo e Antonio Rigueiro Rodríguez, ademais do presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso. Xa en quenda de tarde, as persoas interesadas puideron participar nunha saída guiada ao monte para identificar e recoller cogomelos.
Obxectivos
Os obxectivos desta xornada son introducir aos asistentes no mundo da macromicoloxía; que coñezan as especies máis importantes de cogomelos comestibles e velenosos; que os profesores utilicen os recursos que ofrece a macromicoloxía nas súas actividades docentes; e sensibilizar en relación coa importancia do aproveitamento sostible deste recursos.