Deputación de Lugo

O Goberno decide que todos os obsequios da Deputación de Lugo sexan elaborados por ASPNAIS

- O Presidente presentou os novos obsequios institucionais, que se entregan nos eventos nos que participa a Deputación. Son pezas artesanais feitas polos usuarios de ASPNAIS nos obradoiros de carpintería e cerámica que promove este colectivo social - Campos Conde destacou que “creo que cando facemos un agasallo o importante non é o que se dá, senón o porque se dá e queres dicir con el. Decidimos aplicar esta mesma filosofía vida nos obsequios institucionais da Deputación, que non necesita ningunha ostentosidade para premiar ou recoñecer o esforzo das persoas” - As pezas de ASPNAIS son a partires de agora os agasallos institucionais “desta Deputación coas persoas” para promocionar o conxunto da provincia e o traballo dos profesionais deste colectivo social, así como favorecer a igualade de oportunidades - O Vicepresidente destacou que “con estas pezas demostramos que todos temos capacidades diferentes e todos somos excepcionais”

O Presidente, Darío Campos Conde, xunto ao Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, ao Presidente de ASPNAIS, José Reigosa García, e a outros membros e usuarios da Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo, presentou este mércores os novos obsequios institucionais, que se entregarán a partires de agora en todo os eventos nos que teña participación a Deputación de Lugo (dende actos institucionais de índole social, cultural ou deportivo, entre outros). Son pezas artesanais todas elas elaboradas polos propios usuarios de ASPNAIS nos obradoiros de carpintería e cerámica que promove e acolle este colectivo social.

Campos Conde destacou que “creo que cando facemos un agasallo o importante non é o que se dá, senón o porque se dá e queres dicir con el. Decidimos aplicar esta mesma filosofía vida nos obsequios institucionais que, como todas as administracións públicas, ten este organismo provincial, e que, como o resto, non necesita ningunha ostentosidade para premiar ou recoñecer o esforzo das persoas. Con eles, o que queremos trasladar son dous claros mensaxes:

1.- “que esta institución é unha Deputación coas persoas, onde cada unha das súas iniciativas é para favorecer a igualdade de oportunidades e promover a xustiza social. Por iso, os obsequios desta institucións son elaborados por auténticos profesionais no eido artesán, que forman parte da grande familia de ASPNAIS”.

2.- “a segunda mensaxe é que temos unha provincia chea de oportunidades económicas, con riquezas en cada un dos 67 Concellos, que temos que dar a coñecer, a descubrir e potenciar. De aí, estas figuras coa silueta da provincia, que recollen o mar e as praias de Lugo, destacados recursos patrimoniais, (non todo porque é imposible, pero si quixemos recoller potencialidades dende o norte ao sur lugués), como a Muralla Romana, os Camiños ou as Pallozas do Piornedo; así como os nosos produtos autóctonos, como o marisco ou o viño da Ribeira Sacra”.

Con esta colaboración, o Goberno Provincial contribúe, ademais, á promoción das pezas de ASPNAIS. “Este colectivo non vive só de subvencións, senón do traballo que levan a cabo os seus profesionais. Con estas pezas, demostramos que todos temos capacidades diferentes e todos somos excepcionais”, subliñou o Vicepresidente e Deputado de Benestar. 

Primeiras 825 pezas
Por iniciativa do Goberno Provincial, a Deputación asinou un convenio con ASPNAIS de 18.000 euros para adquirir as primeiras 825 pezas-obsequios do organismo provincial, elaboradas polos usuarios deste colectivo sen ánimo de lucro, que traballa para integrar social, educativa e laboralmente a persoas con discapacidade intelectual. Por este motivo, organiza obradoiros de cerámica ou carpintería, entre outros, onde se forman os usuarios. É nestes cursos, onde se fan os obsequios da Deputación, que son os seguintes:  

- Baleira petos: realizado en cerámica branca e con impresión do escudo e da lenda Deputación de Lugo en cor vermella. Adquiríronse as primeiras 300 unidades.

- Pisapeis de madeira: realizado en madeira e con gravado de distintos símbolos característicos da provincia (Praia das Catedrais, vides, percebes, a Muralla Romana...) e coa inscrición e o escudo da Deputación. Hai dous modelos, para poñer tombado ou de pé. Adquiríronse as primeiras 250 unidades.

- Galardón provincia de Lugo en metacrilato con peana: metacrilato coa forma da provincia, con gravados de distintos símbolos representativos lucenses e peana en cor vermella coa inscrición e o escudo da Deputación. Adquiríronse as primeiras 200 unidades.

- Galardón Provincia de Lugo en cerámica con peana: cerámica en cor branco coa forma da provincia e con gravados de distintos símbolos representativos da provincia e peana en cor branco coa inscrición e escudo da Deputación en cor dourado. Adquiríronse as primeiras 75 unidades.

Máis colaboración con ASPNAIS
José Reigosa agradeceu e destacou a “colaboración” que sempre tivo a Deputación de Lugo con ASPNAIS, que “se intensificou de xeito notable nos últimos anos”. Deste xeito, a colaboración de hoxe súmase a outros moitos proxectos conxuntos do Goberno da Deputación e ASPNAIS. Por exemplo, a que manteñen para contribuír ao programa de intervención psicolóxica en persoas con discapacidade intelectual. Unha das axudas máis significativa é a cesión gratuíta do antigo hospital San José, onde ASPNAIS constrúe a súa nova sede. Permitirá que a asociación duplique os seus servizos, pois gana un novo espazo de 10.000 metros cadrados. Poderán atender a 300 persoas con capacidades diferentes de toda a provincia, ofrecer 5 apartamentos para as familias, así como incrementar entre 65 e 70 as prazas residenciais.