Deputación de Lugo

O Festival Transfronteirizo de Teatro Amador achegará o teatro afeccionado galego a Lugo do 9 ao 18 de setembro

Imaxe deputación de lugo
- Carmen Basadre, Pilar García e María José García presentaron este evento, que vai traer á cidade sete funcións de teatro e un obradoiro de lecturas dramatizadas

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García, e a Vicepresidenta de Fegatea, María José García, presentaron este xoves no Salón de Plenos o Festival Transfronteirizo de Teatro Amador, que se celebrará en Lugo do 9 ao 18 de setembro.

Carmen Basadre destacou que “a nosa cidade acollerá por primeira vez este festival, que ademais de poder gozar de varias pezas teatrais en distintos espazos da cidade abertos ao público, tamén haberá obradoiros, co ánimo de darlle un impulso ao teatro amador e poder animar á xente a achegarse á arte dramática”.

Pola súa banda, García Porto subliñou que “dende a Deputación impulsamos este tipo de actividades, totalmente gratuítas para todos os públicos, porque fomentan a nosa cultura e dinamizan a economía da nosa cidade. Ademais, este festival complementa o Cultura sobre rodas, unha iniciativa na que achegamos ao maior número de rapaces da provincia representacións teatrais”.

Finalmente, María José García agradeceu “o apoio do Concello e da Deputación con este festival, que vai traer a Lugo sete funcións de teatro, un obradoiro de lecturas dramatizadas, un texto en tres linguas, ademais de acoller o acto de entrega do IV Premio Featega de Animación Teatral, que recibirá Manuel Lourenzo”.

Actividades
Os actos comezarán o día 9 ás 18:00 horas na Praza de Anxo Fernández Gómez, onde terá lugar a representación de O soñador de historias. O día 10 ás 10:00 horas no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra haberá Un texto en tres linguas, con obradoiros de lecturas dramatizadas, e pola tarde ás 19:00 horas representarase Auto na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos, finalizando ás 21:30 horas co acto de entrega do IV premio Fegatea a Manuel Lourenzo.

O día 11 ás 16:30 horas no Museo Provincial realizarase a lectura dramatizada de Un texto en tres linguas, e ás 18:00 horas representarase 88.5 na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos. Mentres que o día 16 haberá tres representacións de O misterioso mexunxe marrón, ás 18:00 horas nos Xardíns do Museo Provincial, ás 18:45 horas na Praza de Santo Domingo e ás 19:30 horas no Quiosco da Praza Maior.

O día 17 representarase A verdadeira historia da Carapuchiña ás 18:00 horas na Praza de Santo Domingo. Ao día seguinte, o 18, ás 18:00 horas na Praza Maior terá lugar a representación de Un día no circo, e ás 19:30 no Mercado Municipal representarase Alacrán.