A Deputación mellora estradas na zona Sur con material adherente e antiesbarante
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_14490_1.jpg)
A Deputación está a acondicionar varias estradas en Concellos da Zona Sur da provincia con slurry, un material adherente e antiesbarante co que se mellora a seguridade das estradas. Son concretamente actuacións na LU-P-3202 de Monforte a Currelos; e na estrada a LU-P- 4713, da Pobra do Brollón á LU-652, en Cereixa; que contan cunha achega provincial de 43.000 euros.
A primeira das actuacións, xa rematada, son traballos de mellora na LU-P-3202, de Monforte a Currelos. Estas actuación, que consisten na colocación dunha capa de slurry e sinalización horizontal entre os puntos quilométrico 0+100 a 2+2070, conta cunha achega de 23.000 euros. É preciso subliñar que este é un dos viais fundamentais pois é a estrada que da servizo ao recinto feira, así como a vivendas da zona. Ademais, comunica ás parroquias do Chao do Fabeiro; Baamorto e Fiolleda, e conecta o Concello Monforte de Lemos co Saviñao.
Hoxe mesmo, comezaron os traballos na estrada da Pobra do Brollón, que conta cunha achega de 20.000 euros. Trátase de colocar unha capa de slurry sobre o aglomerado e posterior repintado, entre os puntos quilométricos 0+000 e 2.080; é dicir, toda a estrada. Esta é a vía de comunicación fundamental da comarca, pois une a estrada da Xunta de Galicia LU-652 á capitalidade do Concello. O prazo de execución previsto é de 2 días, dende o comezo das obras.
Máis adherencia e seguridade
O slurry é un material que se deposita sobre o aglomerado das estradas que serve para impermeabilizar o firme, mellorar a evacuación de augas, e dotar á estrada dunha maior adherencia. Este material, moi resistente ao desgaste e ao esbaramento, está composto por: alcatrán, emulsión asfáltica, auga, aditivos, cemento, e áridos, que van cambiando en función das necesidades de cada estrada.