Deputación de Lugo

A Deputación ofrece a rapaces de entre 8 a 13 anos obradoiros artesanais gratuítos durante xullo

- García Porto presentou a programación “Obradoiros Artesanais Verán 2016”, que se desenvolverá no CENTRAD dende o 18 ao 29 de xullo - O prazo de solicitude ábrese mañá as 10:00 horas en www.deputacionlugo.gal. As inscricións realizaranse seguindo a rigoroso orde de solicitude - Son un total de 9 cursos sobre as técnicas de gravado e artes do libro, reciclaxe con material de refugallo, cerámica, traxe tradicional ou cestaría  

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, presentou este mércores a programación gratuíta de “Obradoiros Artesanais Verán 2016”, dirixida para nenos de entre 8 a 13 anos, que se desenvolverá no CENTRAD durante este mes. O prazo de solicitude abrirá mañá ás 10:00 horas en www.deputacionlugo.gal. As inscricións realizaranse seguindo a rigoroso orde de solicitude. As prazas son limitadas a 30.

García Porto explicou que se celebrarán 9 cursos sobre as técnicas de gravado, reciclaxe, cerámica, tear ou cestaría, nos que poderán participar un total de 30 cativos.
“Esta é unha oportunidade única para que os máis pequenos da casa coñezan a tradición artesanal. Ademais, estas actividades tamén contribúen a conciliar a vida laboral e familiar”, subliñou.

Xunto aos artesáns que impartirán os obradoiros, haberá monitores que lles axudarán na atención aos nenos e no desenvolvemento das actividades.

Dúas quendas
Os “Obradoiros Artesanais Verán 2016” desenvolveranse en dúas quendas, concretamente, durante a terceira e cuarta semana de xullo. O horario será de 09:00 ás 14:00 horas, e de luns a venres. As datas e as actividades son as seguintes:

Luns 18 de xullo e mércores 27 de xullo .- Obradoiro das artes do libro e técnicas de gravado. 

Martes 19 de xullo.- Obradoiro do moble e fabricación dun porta rolos de cociña.

Mércores 20 de xullo e martes 26 de xullo.- Obradoiro do traxe tradicional. Forro a miña libreta de feltro.

Xoves 21 de xullo e xoves 28 de xullo.- Obradoiro de cestaría de reciclaxe con material de refugallo.

Venres 22 de xullo e venres 29 de xullo.- Obradoiro de cerámica.