Deputación de Lugo

Un documental, maxia e música en directo son só algunhas das actividades desta semana no #CulturaAberta2016

Imaxe deputación de lugo
- Todas estas actividades, completamente gratuítas, terán lugar na explanada do INLUDES, ao carón da Capela de Santa María. Máis información en www.deputacionlugo.gal

Este martes arrancan as actividades da terceira semana do #CulturaAberta da Deputación, unha iniciativa posta en marcha o pasado 5 de xullo coa que o organismo provincial ofrece máis de 30 actividades lúdicas e culturais, completamente gratuítas para os participantes. Hai que lembrar que todas estas actividades celebraranse na explanada do INLUDES, ao carón da Capela de Santa María. Máis información sobre horarios, datas e outras actividades culturais en www.deputacionlugo.gal

Programación
19 xullo ás 21:30 horas.- Cantando a Manuel María
Contando coa testemuña de familiares, amigos e especialistas sobre Manuel María, faise un percorrido polas facetas máis interesantes da súa vida, para coñecer ao home e atopar así as chaves coas que afrontar a súa obra. O documental repara fundamentalmente na paisaxe da súa vida natal, Outeiro de Rei, e tamén no resto da Terra Cha, así como na doutros espazos da súa biografía, como a paisaxe urbana da cidade da Coruña, para buscar tanto unha contemplación introspectiva ou poética, como para imaxinar e sentir os espazos que habitou e defendeu.

20 xullo ás 18:30 horas.- Paco Nogueiras “Brinca Vai!”
“Brinca Vai!” é un espectáculo no que o actor e músico Paco Nogueiras, acompañado dos seus instrumentos e a súa querida máquina, fai unha divertidísima viaxe chea de humor, bailes e cancións. As alegrías, as amizades, os libros, a poesía, a ecoloxía, as festas estacionais e o respecto á nosa lingua serán parte da equipaxe. Unha fantástica oportunidade de brincar e pasalo ben cos amigos e amigas nun particular camiño onde a música soa con forma dun sorriso.

21 xullo ás 21:00 horas.- Fonxola e Vaia Banda!
Fonxola: é unha banda asturgalaica de swing, twist, fox trop, blues, rock primigenio, cha cha cha, con matices locais como o uso do galego-asturiano nas súas letras, que xurdiu no 2015 en torno a catro pilares: a música do acordeonista Abel Pérez, a voz de Ruth Martín, os arranxos do saxofonista Javier Álvarez e as letras dos poetas Arturo Álvarez, Héctor Acebo, Belén Rico, Quique de Roxíos e Alejandro álvarez. Súmase o guitarrista Michael Lee Wolfe, o contrabaixista David Casillas e o batería Ethan Winogrand. Esta combinación de música e poesía desemboca nun potente directo con espazos á improvisación, o humor e a reivindicación social.
Vaia Banda!: é o espectáculo que Odaiko e Sons e Soños (Banda Rábade-Begonte-Outeiro) presentan conxuntamente para amenizar as cálidas noites estivais, sorprendendo ao público a través dunha proposta musical distinta na que o repertorio tradicional dunha banda de música co estilo innovador dun ensemble de percusión.

22 de xullo ás 21:00 horas.- “Transformando o presente”
Os ilusionistas Martín Camiña e Fani Triana, e o baixista Álvaro Muras, presentan un espectáculo no que se desenvolve a arte da mutación a través do ilusionismo, a música e a actualidade social. Cordas, cadernos, asentos que cobran vida, sorpresas a dúo, cabinas doutro tempo, humor, a participación dos espectadores, un baixo eléctrico...proxectan situacións surrealistas: os sons que percibimos son reais? O que estamos a ver correspóndese co que estamos a escoitar? Maxia e melodías buscan alterar a realidade, nun espectáculo cheo de efectos sonoros e emocións visuais. Ilusións fascinantes e pezas sonoras orixinais ao vivo compostas en clave fantástica.