Deputación de Lugo

A Volta Ciclista a Galicia reúne a miles de persoas na Comarca de Sarria co apoio da Deputación

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera, participou na saída da proba situada na Rúa Padre Sarmiento de Sarria, reunindo a corredores de 18 equipos galegos e nacionais, así como de Portugal

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, participou este venres, acompañado pola alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, na saída da terceira etapa da Volta Ciclista a Galicia, que tivo como epicentro a comarca sarriana. A cita congregou a máis de 300 ciclistas e membros dos 18 equipos participantes, así como a unha grande cantidade de público que non quixo deixar pasar a oportunidade de ver competir ás grandes promesas do ciclismo nacional e internacional.

O organismo provincial colabora na organización deste evento deportivo cunha achega económica de 10.000 euros, promovendo os sete concellos da comarca polos que transcorreu a Volta: Sarria, Láncara, Triacastela, Paradela, O Páramo, Samos e O Incio. O retorno económico estimado por etapa, segundo datos de anteriores convocatorias, é dun mínimo de 28.000 euros.

A competición, puntuable para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo, conta coa participación de formacións de todo o territorio galego e español, ademais de varios equipos do país veciño: Portugal, tendo unha ampla cobertura nos medios de comunicación, que axudará a impulsar o turismo na comarca sarriana e dar a coñecer os encantos que agocha: o seu potencial natural, patrimonial, histórico e cultural ou a riqueza gastronómica.

Esta terceira etapa da Volta tivo como punto de saída e de chegada a Rúa Padre Sarmiento. En total os corredores completaron 150 quilómetros con catro altos puntuables, os de San Xoán (quilómetro 43, de 2ª categoría), Vilaesteva (quilómetro 55, de 2ª categoría), Baralla (quilómetro 94, de 3ª categoría) e o de Paradela (quilómetro 136, de 2ª categoría). As Metas Volantes situáronse en Samos (quilómetro 30) e Láncara (quilómetro 79).

18 equipos participantes
Na liña de saída da decimoquinta edición da Volta Ciclista a Galicia están todos os equipos galegos xunto a unha boa representación das mellores formacións do resto da península ibérica. En total, dezaoito estruturas Elite e Sub23 confirmaron a súa presenza nunha rolda que sete ano despois volverá contar con cinco etapas.

A nómina de conxuntos galegos estará formada por: Muchas–Carnes Parente, Autronic-Club Ciclista Vigués, Cambre-Renault Caeiro, Club Ciclista Rías Baixas, Padronés-Aluminios Cortizo, Spol-Concello de Porriño, Supermercados Froiz e Team Guerciotti. Xunto ao AMPO vasco estarán os asturianos Kuota-Construcciones Paulino e Ciudad de Oviedo-Tartiere Auto; os madrileños do RH Polartec-Fundación Contador, Pizzería Española, e E.C. Cartucho.es-Magro; a estructura cántabra do Gomur-Liebana2017-Ferroatlántica; e a extremeña do Bicicletas Rodríguez Extremadura.

O carácter internacional desta rolda outorgaranllo dúas formacións do puxante ciclismo portugués. O Liberty Seguros-Carglass e o Moreira Congelados-Feira-Bicicletas Andrade encargaranse de defender o pavillón luso.