Deputación de Lugo

O Pleno aproba, co voto  en contra do PP, a proposta do Goberno para arranxar a LU-124, entre Riotorto e A Pontenova

- A situación da LU-124 está afectando seriamente ao desenvolvemento empresarial deste dous concellos mariñáns - Na mesma sesión plenaria aprobouse unha moción do Goberno Provincial para permitir aos Concellos a reinversión do superávit no ano 2017

O Pleno aprobou a proposta do Goberno Provincial para instar á Consellería de Infraestruturas a inmediata licitación e execución das obras de acondicionamento da estrada LU-124 entre Riotorto e A Pontenova. A proposta foi aprobada tamén polo BNG e o Deputado non adscrito. O PP votou en contra.

O Deputado de Xestión Territorial, Argelio Fernández remarcou que esta estrada presenta un grave deterioro do seu firme, algo que se agravou nos últimos anos, e esta provocando un grave risco para os seus usuarios. Tamén lamentou que esta infraestrutura viaria non tivese o mantemento axeitado por parte da Xunta. Lembra ademais que neste treito de estrada atópanse varias empresas con moita actividade diaria, que por mor do estado do vial vese enormemente dificultada, e que ademais afecta aos núcleos rurais da zona.

O Deputado explicou que tanto o estado do firme, como a anchura da vía é perigoso e deficiente para a súa utilización, e avanzou que a situación da LU-124 está afectando seriamente ao desenvolvemento empresarial deste dous Concellos mariñáns.

Na sesión plenaria, aprobouse por unanimidade, unha moción do Goberno da Deputación para permitir que as entidades locais reinvirtan o seu superávit en 2017, sen necesidade de xerar novos ingresos polo mesmo importe, a través dunha autorización legal para esa reinversión.

A Deputada de Economía, Mayra García explicou que os Concellos son as únicas entidades que están saneadas e cumpren cos seus obxectivos, pero advirte que non poden reverter o aforro que realizan en novos proxectos. Nese senso demandou maior sensibilidade por parte da administración Central, para que atenda ás demandas do conxunto dos Concellos, tal como xa prantexou a FEMP. A Deputada de Economía emprazou a Executivo Central a que escoite estas reivindicacións, “que son xustas, razoables, necesarias e fortalecen o Estado do Benestar”.