Deputación de Lugo

Lugo acolle por vez primeira a Asemblea e Premios MAV, que terá lugar no Pazo de San Marcos o vindeiro 10 de decembro

- Tratase da Asemblea Anual da Asociación de Mulleres nas Artes Visuais, na que tamén se fará entrega dos premios MAV 2015 que recoñecen as traxectorias de mulleres esenciais no arte español - García Porto sinalou que “na Deputación fomentamos e reivindicamos a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, ao tempo que damos visibilidade e premiamos a labor de todas estas profesionais do mundo do arte” - As 5 gañadoras son:  Premio Creadora, Mariña Núñez; Premio Galerista, Asunta Rodríguez; Premio Xestora, Susana Blas, Premio Teórica, Piedade Solans e Premio Proxecto de autora para Marta Álvarez Guillén e Oliva Cachafeiro.

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, anunciou este mércores no Salón de actos do organismo provincial ás 5 gañadoras dos Premios MAV 2015 Mulleres nas artes visuais. Os premios MAV son un proxecto anual da Asociación de Mulleres nas Artes Visuais, para o recoñecemento das traxectorias de mulleres esenciais para o sistema do arte español.

García Porto sinalou que “a través destes premios, fomentamos e reivindicamos a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, ao tempo que damos visibilidade e premiamos a labor de todas estas profesionais do mundo do arte”.

O vindeiro 10 de decembro entregaranse os galardóns ás gañadoras da sexta edición dos premios MAV no Pazo de San Marcos. Pola tarde, celebrarase a Asemblea anual da Asociación, aproveitando o desprazamento de numerosas socias de MAV procedentes de diferentes partes de España.

O obxectivo destes Premios MAV é compensar, dunha maneira simbólica, o enorme desequilibrio e a falta de visibilidade que sofren as mulleres cara ao seu traballo no contexto das artes visuais en España, e por extensión no mundo da arte internacional.

Gañadoras dos Premios MAV 2015
O xurado dos Premios da Asociación de mulleres nas Artes Visuais reuniuse o pasado 28 de novembro e decidiron que as gañadoras deste ano son:
- Premio Artista/Creadora: Nesta categoría outorgouse o galardón a Mariña Núñez, partícipe dunha xeración de novos artistas, que nos 90 iniciou un traballo destacado en xénero. Valorouse a súa aposta por un feminismo íntimo, e o seu traballo desde o ciberfeminismo, que cuestiona a apropiación do territorio tecnolóxico por parte dos homes. Tamén se recoñeceu a súa labor docente e a súa difusión da teoría da arte feminista, a través de artigos, conferencias e cursos, así como a súa achega á posta en marcha da Asociación MAV.

- Premio Galerista: outorgouse a Asunta Rodríguez membro da Academia Galega de Belas Artes e propietaria da Galería Trinta de Santiago de Compostela. Valorouse a súa extensa traxectoria como galerista e o seu apoio ás mulleres creadoras, desde unha posición periférica afastada dos centros de poder; e aínda que non deliberadamente feminista, entendeuse que tamén hai outras formas de traballar a cuestión de xénero. Tamén se destacou a súa aposta indiscutible pola calidade na selección de proxectos, que fixo da súa Galería un espazo referente na arte Contemporánea.

- Premio Xestora: outorgouse a Susana Blas, comisaria e historiadora de arte contemporáneo, pola súa longa traxectoria profesional como comisaria de proxectos artísticos, nacionais e internacionais, nos que a perspectiva de xénero adoita estar presente. Tamén se valorou o seu uso de novas vías de investigación e o seu importante labor na comunicación e a difusión da arte actual español, con especial relevancia á arte feita por mulleres.

- Premio Teórica / Crítica: outorgouse o galardón á Dra. en Historia da arte, Piedade Solans, polo seu magnífico e exhaustivo traballo na cuestión de xénero. Valoráronse especialmente os seus proxectos Prácticas artísticas contra a agresión ás mulleres, así como Mulleres no Islam.

- Premio Proxecto de autor/a (artista, xestor/a ou investigador/a): Na categoría de menor de 35 anos, que é a primeira vez que se outorga, seleccionouse unha iniciativa posta en marcha no Museo de Arte Africana da UVA, Occupy Gender. Foro de iniciativas feministas por Marta Álvarez Guillén e Oliva Cachafeiro, coordinadoras do proxecto. Valorouse especialmente deste proxecto a súa construción para partir do tecido cultural existente e a súa filosofía, que fai do feminino un espazo de encontro.

Asociación de Mulleres nas Artes Visuais
O día 9 de Maio de 2009 nunha reunión celebrada na Casa Acesa de Madrid constituíuse MAV, a Asociación de Mulleres nas Artes Visuais, cunha alta participación de artistas, críticas e comisarias, coordinadoras e directoras de centros, investigadoras, galeristas e xestoras, procedentes de todo o Estado español. O proxecto de MAV xorde por mor dunhas mesas de debate ao redor de “Arte y mujer” organizadas polo Ministerio de Cultura (4 e 5 de marzo 2009), tras o intercambio de impresións entre moitas profesionais e como resultado dun grupo de traballo reunido en abril e composto por Margarita Aizpuru, Oliva Arauna, Magda Belloti, Patricia Mayayo, Teresa Mouro, Mariña Núñez, Isabel Tejeda e Rocío da Vila.