O Goberno da Deputación e os 7 clubs da provincia definen o modelo de xestión da Escola Provincial de Piragüismo

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, mantivo un encontro con representantes dos 7 clubs de piragüismo da provincia para abordar a posta en marcha e revitalización da escola de piragüismo de titularidade provincial de cara á temporada 2017-2018. A Deputación achegará 85.000 euros, con esta finalidade, a través dun convenio e serán os propios clubs os que xestionen directamente a escola, situada no entorno de Os Robles. Estes son: Club Deportivo San Ciprián, Club Piragüismo Cidade de Lugo, Club Fluvial de Lugo, Club Kayak de Foz, Club Piragüismo Viveiro, Club Piragüismo Altruan e Club Montaña Quixós.
Rivera Capón destacou a importancia de converter esta Escola nun ente aglutinador, capaz de diseminar o deporte por toda a provincia, e que sexan os propios clubs os que definan a súa folla de ruta, porque ninguén mellor ca eles coñece as principais necesidades e potencialidades da mesma. Unha vez rematada a encomenda de xestión existente ata xuño de 2017, deberán ser os clubs os que collan o relevo. Para elo acordouse definir un primeiro borrador de convenio, no que tamén se contará ca participación da Federación Galega de Piragüismo, como nexo de unión.
Durante o encontro, destacouse a necesidade de definir un modelo de xestión no que se deben ter en conta aspectos como a adquisición de novo material técnico, a posta en marcha de programas de promoción deste deporte nos centros escolares e nos Concellos, a contratación de persoal cualificado para racionalizar o uso das instalacións, acordos con residencias para o aloxamento, entre outros aspectos.
Cómpre sinalar que o conxunto destas actuacións responde ás peticións dos 7 clubs que hai na provincia, que consideran que son as axeitadas para a posta en valor desta disciplina deportiva en Lugo e resultan un paso intermedio para que a Escola garanta a selección de novas promesas nesta disciplina, e deste xeito, acadar os niveis de anos anteriores.
Compromiso co piragüismo
O Deputado de Deportes subliñou que o compromiso da Deputación con este deporte está asegurado, xa que as achegas económicas aos clubs de piragüismo ascenden a mais de 200.000 euros. Lembrou tamén a implicación do Goberno Provincial co Club Kayak de Foz, xa que tralo bloqueo do PP, por fin se están a desenvolver as obras do novo hangar.
Por outra parte, Rivera Capón adiantou que se levarán a cabo cambios significativos nas bases das subvencións de concorrencia competitiva, xa que este ano contémplase incrementar as partidas destinadas ás disciplinas con maior número de licenzas federativas, o que beneficiará ao piragüismo, unha disciplina deportiva que tantos éxitos lle ten dado á provincia de Lugo, incluíndo varios metais olímpicos. O último deles obtido polo lucense Cristian Toro, nos pasados Xogos Olímpicos de Río.