O Goberno da Deputación impulsa a música tradicional galega co Festival Terra Brava do Incio
O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e a Alcaldesa do Incio, Laura Celeiro García, e o representante da Asociación Cultural Terra Brava, Gael Núñez Jato, presentaron este luns o XV Festival Terra Brava, que organiza a Asociación Cultural Terra Brava coa colaboración do Concello do Incio e que terá lugar o vindeiro 26 de agosto no municipio inciense. Esta programación musical enmárcase dentro das actividades culturais que organiza o Concello ao longo do ano e coa que, no seu conxunto, colabora o Goberno da Deputación cun investimento de 8.000 euros, o que permite a celebración do Festival de maxia ou o concerto do músico Xabier Vizcaíno, entre outros. Ademais, a TIC da Deputación realizará un vídeo para promocionar este festival musical por toda a provincia.
Vidal Baamonde destacou que dende o Executivo Provincial apostamos por este tipo de iniciativas que dinamizan a vida nas vilas, sendo un importante revulsivo económico e turístico para a Comarca de Sarria, pois durante a xornada, serán centos de persoas as que participen nesta XV edición do festival, que promociona o traballo dos nosos grupos ao tempo que pon en valor a música tradicional e popular galega.
Facémolo no marco do 1º Plan Estratéxico de Turismo da provincia de Lugo que elaboramos; seguindo as súas liñas de actuacións, como o pulo dos sinais de identidade, a tradición cultural ou a riqueza patrimonial e cultural da nosa provincia; para xerar riqueza e emprego a través do turismo no conxunto do territorio lugués.
A xornada comezará coa sesión vermú a cargo do grupo Vikingas. A continuación terá lugar un xantar popular, con produtos da zona, como empanada, lacón ou doces de crema, con prezos de 15 euros para os adultos e 8 euros para os nenos entre 7 e 12 anos. Xa pola tarde haberá actividades e xogos infantís, totalmente gratuítos, e a partir das 21:00 horas, dará comezo o Festival Terra Brava coa actuación dos grupos galegos Carunchos, Xarín, Banda Xangai & Jarbanzo Negro e Desviaos.