Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación organiza mañá un coloquio sobre o impacto do cambio climático nas Reservas da Biosfera

Imaxe deputación de lugo
- A charla, que terá lugar no Pazo de San Marcos a partir das 17:00 horas, será impartida polo Xefe da Sección Técnica do Organismo Autónomo de Parques Nacionais e promotor do Programa de Seguimento Fenolóxico, Manuel Oñorbe Esparraguera - Fernández Queipo destacou que “somos conscientes da importancia de promover accións de sensibilización social en defensa da protección do medio ambiente, unha das maiores riquezas que temos todos os lucenses”- A asistencia é completamente gratuíta. As prazas concederanse por rigoroso orde de solicitude. Inscricións en: und.medioambiente@deputacionlugo.org ou 982 227 812

O Goberno da Deputación organiza este xoves, ás 17:00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, un coloquio aberto e totalmente gratuíto sobre o impacto do cambio climático nas variacións biolóxicas das especies animais e vexetais nas Reservas da Biosfera. Así o avanzou o Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, que explicou que se trata dunha iniciativa enmarcada no Programa de seguimento fenolóxico da Rede Española de Reservas da Biosfera, posto en marcha polo Organismo Autónomo de Parques Nacionales (OAPN) e co que colabora o Executivo provincial, co fin de detectar e avaliar a influencia do clima no desenvolvemento das Reservas de Terras do Miño, e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. A asistencia é completamente gratuíta. As prazas concederanse por rigoroso orde de solicitude. Inscricións en: und.medioambiente@deputacionlugo.org ou 982 227 812.

Fernández Queipo destacou que “dende o Goberno da Deputación somos conscientes da importancia de promover accións de sensibilización social en defensa da protección do medio ambiente, como neste caso son as Reservas da Biosfera que representan case o 55% do territorio total da provincia, o que a converte nunha das maiores riquezas que temos todos os lucenses”. O Deputado apuntou que “o Pazo de San Marcos será un lugar no que se afondará sobre aspectos moi importantes no eido medioambiental da nosa provincia, polo que convido a todos os veciños interesados a que se inscriban”.

A charla estará impartida polo Xefe de Sección Técnica do OAPN, Manuel Oñorbe Esparraguera, que explicará os pormenores do programa e as liñas de actuación para involucrar a toda a poboación no rexistro de datos para a detección de cambios nos fenómenos biolóxicos de ritmo periódico, como o florecemento ou a migración de aves, como consecuencia dos cambios no clima nas reservas da biosfera. A asistencia é completamente gratuíta e as prazas concederanse por rigoroso orde de solicitude, ata completar aforo. Inscricións en: und.medioambiente@deputacionlugo.org ou 982 227 812

Recoñecemento ao CEIP de Riotorto

O Deputado lembrou que “precisamente hoxe facíamos entrega do Premio Nacional de Seguimento Fenolóxico 2017 aos alumnos do CEIP de Riotorto, unha selección de 25 libros do Catálogo de Publicacións do OAPN que pasarán a formar parte da biblioteca do centro, como recoñecemento a súa labor de investigación e avaliación dos efectos do cambio climático na Reserva da Biosfera Terras do Miño”.

Durante o curso escolar 2016–2017 o CEIP Plurilingüe de Riotorto resultou o centro educativo que máis aportes realizou, pois de 277 rexistros fenolóxicos na aplicación a nivel nacional, aportou un 25%, detectados na Reserva da Biosfera de Terras de Miño, resultando o gañador entre os centros participantes.

A fenoloxía: o estudo dos efectos do cambio climático

A fenoloxía é a ciencia que estuda o cambio de datas nas que suceden os diferentes fenómenos naturais, que se repiten ano tras ano e que están influenciadas polas condicións meteorolóxicas. Entre estes fenómenos podemos atopar a migración das especies, o seu período de reprodución, a floración, frutificación ou a aparición de insectos, entre outros. Estas características presentan a información sobre as condicións ecolóxicas, do medio ambiente ou o impacto de certas prácticas no medio, e coñécense como bioindicadores. Na actualidade, a fenoloxía é un dos principais campos de estudo sobre os efectos do cambio climático, pois a análise da sensibilidade que presentan certos animais e plantas ante os cambios na meteoroloxía permite avaliar que alteracións ocorridas nun determinado período de tempo son produto do cambio climático.