O Goberno da Deputación reivindica a obra de María Victoria Moreno na Semana das Letras Galegas
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentou este luns, na Praza de San Marcos, as actividades promovidas polo Goberno da Deputación para homenaxear a escritora, María Victoria Moreno, á que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas. García Porto avanzou as iniciativas que comezan hoxe na Praza da San Marcos, e que inclúen un taller de serigrafía para todos os públicos, un concerto da Tradaescola coa Escola Municipal de Betanzos, ademais da continuación dos traballos didácticos nos que participan 7.000 escolares de 45 centros escolares da provincia. Paralelamente, na Rede Museística da Deputación, celebrarase a Semana dos Museos, con 6 obradoiros para os máis pequenos da familia e tamén para adultos.
A Deputada reivindicou o papel de María Victoria a prol do idioma e remarcou que é a cuarta muller á que se lle dedica o Día das Letras, despois de Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987) e María Mariño (2007). Dende o Goberno da Deputación contribuímos a espallar a súa obra coa promoción da Semana das Letras Galegas nos centros de ensino da provincia.
Concretamente doamos libros a 7.000 alumnos de 45 centros de Educación Secundaria de toda a provincia, nos que contamos coa participación de 384 docentes, para deseñar actividades didácticas entorno a figura de María Victoria Moreno. Dentro da programación inclúese unha Guía do Profesorado con pautas para utilizar o manual, que xa recibiu todo o alumnado e os seus profesores. E o día 16 de maio como remate da semana escolar, ás 12:00 da mañá, os centros participantes realizarán actos literarios sobre a súa vida e obra.
Praza de San Marcos
García Porto avanzou que a Praza de San Marcos acollerá tamén un obradoiro gratuíto para todos os públicos de estampación, no que se poderán realizar retratos de María Victoria. Estará aberto o luns 14 e martes 15, dende ás 17:00-19:00 horas. Esta actividade, que non require inscrición previa, realizarase nunha carpa. Outra das actividades previstas polo Goberno da Deputación é un concerto da Tradescola, acompañado da Escola Municipal de folclore de Betanzos que terá lugar tamén na Praza de San Marcos. Esta actividade será o mércores 16 de maio, a partir das 19:30 horas.
Semana dos Museos
O executivo Provincial conta ademais cunha programación específica para conmemorar a Semana dos Museos 2018. Esta programación inclúe diversas actividades na Rede museística provincial que inclúe actividades con motivo do Día das Letras Galegas, 17 de maio; o Día Internacional dos Museos, 18 de maio, e a Noite dos Museos, que é o 19 de maio. Para poder participar nas distintas actividades organizadas, as persoas interesadas poden inscribirse de xeito completamente gratuíto, no Departamento de Didáctica do Museo Provincial de Lugo, ou no museo onde se impartan as ditas actividades. A programación é a seguinte:
Museo Provincial de Lugo
-Obradoiro: Iniciación ao gravado. Estampación. Data: 18 de maio. Dirixido a Club Pequeamig@s (a partir de 8 anos). Horario: de 16:30 a 18:00h. Prazas: 15. E noutra quenda para adultos, dende ás 18:30 a 20:00h. Prazas: 15.
-Obradoiro: Falar coas mans. Unha actividade dirixida a familias para traballar a perspectiva de xénero a través da expresión plástica. Os obxectivos son promover a igualdade de xénero, fomentar o empoderamento das mulleres e promover o pensamento crítico a través do diálogo. Data: 19 de maio. Horario: de 18:00 a 19:30h. Dirixido a parellas, familiares (avós/avoas e netos/netas a partir de 6 anos). Prazas: 15 parellas (adulto + neno/a). Este obradoiro foi seleccionado entre os vinte mellor valorados na Bienal Miradas de Mujeres 2018.
Museo Provincial do Mar de San Cibrao (Cervo)
-Obradoiro: Falar coas mans. Obradoiro interxeracional dirixido a familias para traballar a perspectiva de xénero a través da expresión plástica. Data: 19 de maio. Horario: de 12:00 a 13:30h. Dirixido a parellas familiares (avós/avoas e netos/netas a partir de 6 anos). Prazas: 15 parellas (adulto + neno/a). Inscrición previa, gratuíta, no departamento de Didáctica do Museo Provincial do Mar.
Museo Fortaleza San Paio de Narla (Friol)
-Obradoiro: Falar coas mans, dirixido a familias para traballar a perspectiva de xénero a través da expresión plástica. Data: 18 de maio. Horario: de 17:00 a 18:30h. Dirixido a parellas familiares (avós/avoas e netos/netas a partir de 6 anos). Prazas: 15 parellas (adulto + neno/a). Inscrición previa, gratuíta, no departamento de Didáctica do Museo Fortaleza de San Paio de Narla.
Museo Pazo de Tor (Monforte de Lemos)
-Obradoiro: Falar coas mans. Unha actividade dirixida a familias para traballar a perspectiva de xénero a través da expresión plástica. Data: 17 de maio. Horario: de 12:00 a 13:30h. Dirixido a parellas familiares (avós/avoas e netos/netas a partir de 6 anos). Prazas: 15 parellas (adulto+ neno/a). Inscrición previa, gratuíta, no departamento de Didáctica do Museo Pazo de Tor.