Deputación de Lugo

Os veciños do Corgo gozan dunha piscina no Chamoso grazas aos 1,8 millóns que leva achegado o Goberno da Deputación á mellora dos seus servizos públicos

- O Vicepresidente, co Alcalde, membros da Corporación e veciños, inaugurou esta instalación financiada na súa totalidade polo Executivo Provincial con 306.000 euros, que forman parte dunha partida de 436.000 euros que permiten tamén mellorar o campo de fútbol- Fernández Queipo defendeu que “os fondos públicos nas administracións son de e para todos os veciños e a labor dos Gobernos é xestionalos para que repercutan na súa calidade de vida. Levamos destinado 1,8 millóns para isto no Corgo. É unha satisfacción comprobar o resultado deste investimento, vendo como hoxe os veciños gozan da súa piscina”- O Vicepresidente tamén supervisou a execución das melloras de 321.000 euros na LU-P-1602 de San Cristovo por Adai á LU-106, que contribúen a uns mellores accesos á piscina

O Vicepresidente, Argelio Fernández Queipo, acompañado polo Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón; o Alcalde do Corgo, José Antonio Ferreiro, outros membros da Corporación Municipal e veciños, inaugurou este venres a nova piscina con tobogáns no río Chamoso que financiou na súa totalidade a Deputación. Para elo, o Executivo Provincial acordou destinar 436.000 euros a este proxecto. Este finalmente foi adxudicado por 306.000 euros. O Goberno decidiu destinar esta baixa na contratación de 130.000 euros a investir en máis melloras nas instalacións deportivas dos veciños do Corgo. Estas consisten na mellora do campo de fútbol, dotándoo de herba artificial. O conxunto destes fondos forman parte dos 1,8 millóns que leva destinado o Executivo da Deputación á dotación e mellora de servizos públicos para os 3.500 veciños deste municipio.

Fernández Queipo apuntou que “dende o Goberno da Deputación sempre defendemos que os fondos públicos cos que contan as administracións son de e para todos os veciños; e que a labor dos Gobernos é xestionalos de xeito que verdadeiramente repercutan na calidade de vida da cidadanía en xeral, ofrecéndolles os mellores servizos públicos, os que necesiten ou requiren. Baixo esta acérrima defensa, para cumprir con este fin levamos achegado aos veciños do Corgo 1,8 millóns que fixeron posible, entre outras moitísimas actuacións, esta nova instalación deportiva. É unha satisfacción comprobar o resultado deste investimento, vendo como hoxe os nosos veciños gozan da súa piscina no Chamoso”.

Con este orzamento de 1,8 millóns, o Goberno da Deputación financiou máis 20 obras, 16 novos empregos, 6.000 horas de atención profesional a través do Servizo a Domicilio a non dependentes que reciben ducias de maiores, e que se engaden aos 20 máis que contan co servizo de Teleasistencia gratuíta que tamén ofrece e asume a Deputación, ou impulsou a celebración de 17 actividades deportivas e culturais.

Mellora de acceso á piscina

Foron case 1,5 millóns para as máis de 20 obras, como a da piscina no Chamoso ou as melloras no campo de fútbol municipal. Hoxe mesmo, o Vicepresidente supervisou a execución doutra destas actuacións, que consiste na mellora do firme e da seguridade na LU-P-1602 de San Cristovo por Adai á LU-106 que se está a levar a cabo. Son traballos que financia o Goberno da Deputación con 321.000 euros e que contribúen a que a piscina do Chamoso teña mellores accesos, pois esta vía conecta con esta instalación deportiva. A estes investimentos súmanse os de outros 216.000 euros para a mellora da LU-P-1603 de Gomeán por Maceda, da LU-P-1605 de Cabreiros a Arxemil e da LU-P-1608 da Campa a Quinte; os case 350.000 euros para o acondicionamento de accesos en Lousado, na Estación, Bocelo, Gándara, O Corgo dende a N-VI, camiño das Campas, acceso á N-VI ao Hospital e construción de beirarrúas dun treito da N-VI; ou os 127.000 euros para os saneamentos en Chousa, Campo, Escoureda, Paradela e o colector de Cambeiro á Portela.

Benestar e emprego

O Goberno da Deputación financiou con case 50.000 euros unhas 6.700 horas de atención profesional a maiores do Corgo a través do Servizo a Domicilio para non dependentes, ao igual que ofrece e asume o servizo de Teleasistencia gratuíta que reciben outros 20 veciños. Xerou 16 novos traballos a través de programacións como o Ben Emprego e DepuEmprego, investindo 248.000 euros cos que o Executivo asume os custos laborais destes profesionais. Estes traballadores están, ademais, a reforzar a actividade de colectivos sociais e entidades, e contribúen á prestación de servizos públicos municipais.

Economía local e vida social

Dentro da liña de impulso da economía local e da vida social no rural, o Goberno da Deputación destinou case 24.000 euros, que permitiron a celebración de 17 citas como, por exemplo, actuación teatrais, musicais, obradoiros... ou contribuír coa actividade de entidades deportivas como o SD Lajosa ou o CD Corgo, entre outras.