O Goberno da Deputación promove a música e a cultura nos Concellos de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei
O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, mantivo un encontro este mércores, cos integrantes da banda Sons e Soños da Sociedade Rabadense Musico Crisanto, no Centro Sociocultural de Rábade para presenciar en vivo o ensaio da súa seguinte actuación, o día 13 de agosto, e coñecer de primeira man as necesidades desta entidade, coa que o Goberno da Deputación colabora cunha achega de 6.000 euros en cada Concello, un total de 18.000 euros, para os gastos de xestión e actividades que organiza esta asociación nos municipios de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei.
O Deputado explicou que é un privilexio colaborar con esta asociación que promove a cultura en toda a contorna de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei. Conta con profesionais especialistas para a mellor formación dos nosos veciños, apostando por un ensino de calidade. É unha oportunidade de aprender, pasalo ben e facer veciñanza, mellorando a vida dos lucenses.
280 socios
A sociedade está formada pola banda Sons e Soños, o Coro da Asociación Musico Crisanto, a Young Murajazz BigBand, polo grupo tradicional Tirapadiante e polas Bandas de Gaitas das Escolas municipais de Rábade, Begonte e Outeiro. Sendo así 227 alumnos de entre 4 e 104 anos dentro da escola que sumado aos socios, son un total de 280 veciños que forman parte desta asociación. Todos os alumnos son lucenses de diferentes municipios, Rábade, Begonte, Outeiro de Rei, Friol, Cospeito, Castroverde, Guntín, Palas de Rei e Lugo.
20 tipos diferentes de clase
Para satisfacer a demanda dos veciños, a sociedade conta con 20 profesores e 3 profesores asistentes que ofertan clases de: percusión sinfónica, tradicional, música moderna e jazz, frauta traveseira, fagot, clarinete, saxofón, óboe, gaita, trombón, piano, violonchelo, trompa, violín, tuba, bombardino, guitarra, baixo eléctrico, trompeta e canto. Para poder cursar calquera destas clases é obrigatorio cursar tamén linguaxe musical. A maiores, dan sesións de musicoterapia a demanda, todas estas poden ser individuais ou en grupo.
Actividades no verán
No verán seguen ensaiando para as actuacións que fan na provincia e fóra dela, habendo actuacións internacionais como a que ten unha das bandas actualmente no Festival Intercéltico de Lorient. Ademais, tamén se fan campamentos como o que tivo lugar en xullo e o que haberá en Rábade do 3 ao 6 de setembro.