Deputación de Lugo

Deputación e Concello do Incio ofrecen aos veciños máis de 15 actividades gratuítas para todas as idades co Verán Cultural

- García Porto e Celeiro García presentaron esta programación financiada polo Goberno Provincial con 8.000 euros e que se desenvolverá entre o 28 de xuño e o 17 de setembro neste municipio da Montaña luguesa dirixida a todos os públicos
- A Deputada de Cultura subliñou que “a través desta programación ofrecemos unha alternativa ao turismo de sol e praia durante a época estival no interior da provincia, e facilitamos a conciliación da vida laboral e familiar, permitindo que os pais e nais dispoñan de alternativas de lecer para os seus fillos durante as vacacións escolares”
- Pola súa parte, a Alcaldesa apuntou que “con estas actividades dinamizamos a economía do Concello, pois non só participarán veciños do municipio, senón tamén chegados doutras vilas da Montaña, e conseguimos desestacionalizar o turismo”

A Deputada de cultura, Pilar García Porto, e a Alcaldesa do Incio, Laura Celeiro García, presentaron este venres no salón de actos do Pazo de San Marcos o programa Verán Cultural que se desenvolverá entre o 28 de xuño e o 17 de setembro neste municipio da Montaña luguesa e que inclúe máis de 15 actividades lúdicas, de balde e para todos os públicos. O Goberno da Deputación colabora co Concello do Incio, achegando máis de 8.000 euros, para facer posible a súa organización.

García Porto subliñou que “ao longo do ano colaboramos activamente co Concello do Incio para que poida ofrecer unha gran diversidade de actividades ás súas veciñas e veciños, investindo máis de 22.500 euros en programacións culturais neste Concello, co obxectivo de dinamizar a vida no rural e fixar poboación”.

A Deputada engadiu que “a programación que hoxe presentamos permitirá que as veciñas e veciños do Incio desfruten de actividades culturais, tales como: concertos, teatros ou contacontos, orientadas a todos os públicos e totalmente de balde; ao mesmo tempo que ofrecemos unha alternativa ao turismo de sol e praia durante a época estival no interior da provincia, e facilitamos a conciliación da vida laboral e familiar, permitindo que os pais e nais dispoñan de alternativas de lecer para os seus fillos durante as vacacións escolares”.

Pola súa parte, Celeiro García agradeceu “o compromiso da Deputación para achegar unha oferta de ocio variada e para todos os públicos, dinamizando ao mesmo tempo a economía do Concello, pois nas actividades non só participarán veciños do municipio, senón tamén chegados doutras vilas da Montaña coa consecuente repercusión para os comercios e locais de hostalería e tamén conseguimos desestacionalizar o turismo”.

O Verán Cultural do Incio

As máis de 15 actividades de balde que compoñen o programa comezarán o día 28 de xuño e serán variadas incluíndo concertos, obras de teatro, monólogos ou contacontos. Terán lugar en diversas localizacións do Concello. O programa completo das actividades é o seguinte:

  • Mércores de xullo e agosto de 18:00 a 19:00: Xogos en inglés para nenas e nenos
  • 28 de Xuño ás 17:00 horas: Concerto, “O son que arrola” no punto de atención á Infancia.
  • 30 de Xuño as 21:00 horas: Concerto, Soul & Rock na Praza do Concello.
  • 6 de Xullo de 11:00 a 13:00 horas: Obradoiro Debuxo e humor gráfico na sala de lectura Concello do Incio.
  • 8 de Xullo ás 20:00 horas: Teatro Filandón e ruada na Praza do Concello.
  • 14 Xullo ás 18:00 horas: Contacontos Os contos do traxugas na Praza do Concello.
  • 20 de Xullo ás 20:00 horas: Manolo Xan Veiga, Que anos aqueles na Praza do Concello.
  • 22 de Xullo ás 21:00 horas: Concerto Banda de Folk de Ribas de Sil na Praza do Concello.
  • 28 de Xullo ás 22:00 horas: Chocolate coas estrelas no Embalse de Vilasouto.
  • 9 de Agosto ás 17:00 horas: Festa da auga e xogos acuáticos na Praza do Concello.
  • 10 de Agosto ás 20:00 horas: Espectáculo Brinca Vai! na Praza do Concello.
  • 18 de Agosto ás 20:00 horas: Monólogo, “Contos comedias e outras lerias” na praza do Concello
  • 19 de Agosto ás 20:00 horas: Concerto Lisboa, Praza do Concello.
  • 22 de Agosto ás 16:00 horas: Paco da Ferreria.
  • 22 de Agosto ás 18:30 horas: TeatroFalar sen cancelas na praza do Concello.
  • 02 de Setembro: X Edición da Feira de Artesanía e Etnografía e Concerto de Lucía Pérez.
  • 15 de Setembro ás 21:00 horas: Contacontos, Os contos da avoa.
  • 16 de Setembro ás 20:00 horas: Ghop de teatro ao cubo na praza do Concello.

17 de Setembro ás 17:00 horas: Concerto O son que me arroupa no Punto de Atención á Infancia