Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación mellora o acceso á área recreativa do Chamoso, no Corgo, con 321.000 euros

- O Vicepresidente supervisou o remate das obras de mellora da estrada LU-P-1602 de San Cristovo por Adai á LU-106, que financiou o Executivo con 321.000 euros- Fernández Queipo subliñou que “coa execución destas obras facemos posible que os veciños do Corgo e da contorna gocen dun acceso totalmente renovado ás instalacións do Chamoso e á piscina pública, pois esta estrada é a principal conexión coa N-VI”- Os traballos consistiron na rehabilitación do firme con aglomerado en quente, limpeza de cunetas, renovación da sinalización horizontal e vertical e, polo tanto, incremento da seguridade, nun treito de 1,7 quilómetros, dende o punto 1,5 ao 3,2

O Vicepresidente da Deputación e Deputado de Vías e Obras, Argelio Fernández Queipo, supervisou este luns o remate das obras de mellora da estrada LU-P-1602 de San Cristovo por Adai á LU-106, no Concello do Corgo, que financiou o Executivo Provincial cunha achega de 321.000 euros. Os traballos consistiron na rehabilitación do firme con aglomerado en quente, limpeza de cunetas, renovación da sinalización horizontal e vertical e, polo tanto, incremento da seguridade vial, nun treito de 1,7 quilómetros, dende o punto 1,5 ao 3,2 desta estrada.

Fernández Queipo subliñou que “coa execución destas obras facemos posible que os veciños do Corgo e da contorna gocen dun acceso totalmente renovado ás instalacións recreativas do Chamoso e á nova piscina pública, que financiamos dende o Goberno da Deputación, pois esta estrada é a principal conexión coa N-VI. Hoxe os veciños poden facer uso dunhas instalacións de ocio e recreo de primeira, cuns accesos de primeira”.

O Vicepresidente engadiu que “ademais de beneficiar aos centos de usuarios do Corgo e de concellos limítrofes que se achegan durante a época estival á área recreativa do Chamoso, estes traballos tamén beneficiarán directamente aos preto de 400 veciños das parroquias de Chamoso, Adai, Piñeiro e Pedrafita, que empregan a diario esta vía para realizar os seus desprazamentos”.

Nova piscina do Chamoso

O Executivo Provincial acordou destinar 436.000 euros á construción da piscina pública na área recreativa do Chamoso. Este proxecto finalmente foi adxudicado por 306.000 euros. O Goberno decidiu destinar esta baixa na contratación de 130.000 euros a investir en máis melloras nas instalacións deportivas dos veciños do Corgo. Estas consisten na mellora do campo de fútbol, dotándoo de herba artificial. O conxunto destes fondos forman parte dos 1,8 millóns que leva destinado o Executivo á dotación e mellora de servizos públicos para os 3.500 veciños deste municipio.

Outras melloras en estradas e accesos do Corgo

A estes investimentos súmanse os de outros 216.000 euros para a mellora da LU-P-1603 de Gomeán por Maceda, da LU-P-1605 de Cabreiros a Arxemil e da LU-P-1608 da Campa a Quinte; os case 350.000 euros para o acondicionamento de accesos en Lousado, na Estación, Bocelo, Gándara, O Corgo dende a N-VI, camiño das Campas, acceso á N-VI ao Hospital e construción de beirarrúas dun treito da N-VI; ou os 127.000 euros para os saneamentos en Chousa, Campo, Escoureda, Paradela e o colector de Cambeiro á Portela.