Faíscas da Pontagra, Böj, Ruxe Ruxe e Vacalouras no Festival Terra Brava do Incio, co apoio da Deputación

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, a Alcaldesa do Incio, Laura Celeiro García, e os representantes da Asociación Cultural Terra Brava, Álvaro Moscoso, Ito Sampedro e Alex Villa, presentaron este xoves no Incio o XVI Festival Terra Brava, que organiza a Asociación Cultural Terra Brava coa colaboración do Concello, e que terá lugar o vindeiro 25 de agosto neste municipio.
Esta programación musical enmárcase dentro das actividades culturais que organiza o Concello ao longo do ano e coa que, no seu conxunto, colabora o Goberno da Deputación cun investimento de 20.000 euros, o que permite a celebración do Festival de maxia, a edición da revista Fanagueiros, a revista municipal cultural, o ciclo de conferencias, banco de recordos ou o verán cultural.
García Porto destacou que este certame musical enmárcase dentro da programación cultural e turística do Concello do Incio, coa que colabora o Executivo Provincial cunha achega económica total de 20.000 euros, ademais a Asociación Cultural Terra Brava recibe unha axuda de Cultura de 1.200 euros para esta cita.
A Deputada sinalou que esta nova edición do Terra Brava tamén contribúe a remarcar o compromiso do Goberno da Deputación co Incio, xa que este evento cultural convertese nun exemplo dos sinais de identidade e de tradición da nosa provincia, no que poderán desfrutarse dun gran elenco de grupos de música tradicional galega.
Celeiro García convidou a todos os visitantes a achegarse ao Incio nestas datas e descubrir as rutas de sendeirismo, a gastronomía local e por suposto o patrimonio natural, como as minas de ferro, o mirador de Pena do Chao ou a igrexa de San Pedro Fiz do Hospital. Ademais agradeceu a implicación da Asociación Cultural Terra Brava na organización desta nova edición sen o seu traballo este festival non sería posible.
Programa
A xornada comezará coa sesión vermú e sesión de tarde a cargo dos grupos Balkan Paradise, Orchestra e as Vikingas. A continuación terá lugar un xantar popular, con produtos da zona. Xa pola tarde haberá actividades e xogos infantís, totalmente gratuítos, e a partir das 21:00 horas, dará comezo o Festival Terra Brava coa actuación dos grupos galegos Faiscas da Pontagra, BÖJ, Ruxe Ruxe, Vacalouras.