Deputación de Lugo

Meira acolle a II Xornada da Terra de Miranda, co apoio da Deputación

- Eduardo Vidal, Antonio de Dios e Paco Veiga presentaron este martes, a nova edición que se celebrará na Casa da Cultura de Meira os días 7 e 8 de setembro- Esta xornada ten como finalidade debater sobre a situación do medio rural galego desde a óptica educativa. Nesta actividade participarán máis de 25 persoas relacionadas coa educación, a historia, a literatura, ou outros proxectos como REGAEDER- Vidal Baamonde explicou  que “dende o Goberno da Deputación apoiamos estas iniciativas que promoven o coñecemento e o estudo sobre un tema tan interesante como o futuro do noso medio rural, e a evolución desta Comarca” 

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde e o Alcalde de Meira, Antonio de Dios, e os responsables da Xornada, Paco Veiga e María García Jartin, presentaron este martes no Pazo de San Marcos a II Xornada da Terra de Miranda, coa que colabora o Executivo Provincial. Trátase dun encontro-debate organizado por Nova Escola Galega, Asociación Cultural Avelino Díaz e a Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea. Esta xornada, que se celebrará na Casa da Cultura de Meira os días 7 e 8 de setembro, ten como finalidade debater sobre a situación do medio rural galego desde a óptica educativa.

Nesta actividade participarán máis de 25 persoas relacionadas co mundo educativo, a historia, a literatura, ou proxectos doutra entidade como REGAEDER, entre outros. Os interesados en asistir poden atopar máis información en www.neg.gal.

O Deputado remarcou que “dende o Executivo Provincial apoiamos estas iniciativas que impulsan e promoven o coñecemento e o estudo sobre o medio rural, e ao mesmo tempo contribúen a coñecer a evolución dos nosos Concellos. Ademais, o Servizo de Publicacións da Deputación xa ten editado libros sobre a historia das Terras de Miranda, unhas publicacións que perdurarán para que a xente poida desfrutar destes traballos de investigación sobre a Comarca”, sinalou.

Antonio de Dios agradeceu a colaboración e a implicación da organización con esta II Edición sobre o futuro das Terras da Miranda, e convidou a todos os veciños e visitantes a participar neste proxecto e aportar as súas ideas.

Paco Veiga e María García Jartin explicaron que nesta edición a programación inclúe 4 mesas redondas, presentacións de libros, relatorios, un roteiro pola Orrea, así como a proxeccións de documentais. Todas as persoas que desexen participar poden facelo a través da páxina web www.neg.gal.