Funcionarios e traballadores públicos fórmanse no Pazo de San Marcos na protección de datos
Campos Conde agradeceu aos asistentes “o interese na aprendizaxe continua, pois é necesaria para avanzar con unha sociedade en constante evolución”
A xornada tiña como misión ofrecer aos asistentes formación sobre os cambios lexislativos que supuxo a entrada en vigor da nova “Lei Orgánica de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais” na Administración Local
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Deputado de Innovación, Pablo Rivera Capón, participaron este xoves na xornada formativa sobre Protección de Datos e Transparencia, organizada desde o Executivo Provincial, xunto coa Fundación Democracia e Goberno Local e a colaboración da Axencia Española de Protección de Datos. Esta xornada estivo dirixida a Alcaldes, Concelleiros, Deputados, Secretarios, Interventores, Directores de Asesorías Xurídicas, Letrados e outros funcionarios locais, persoal académico entre outros traballadores públicos.
Campos Conde sinalou que: “unha das funcións fundamentais da Deputación é a asistencia e a cooperación cos concellos, traballo que facemos, tamén, formando ao funcionariado” e agradeceu aos asistentes “o interese na aprendizaxe continua, pois é necesaria para avanzar nunha sociedade en constante evolución”.
A xornada tivo como obxectivo ofrecer aos asistentes formación sobre os cambios lexislativos que supuxo a entrada en vigor da nova Lei Orgánica de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais na Administración Local.
Durante toda a mañá os diferentes poñentes, puxeron en valor as experiencias levadas a cabo noutras institucións como a Deputación de Pontevedra ou a de Sevilla, explicando as medidas de seguridade na Administración Local en relación cos novos retos de futuro en materia de rexistro electrónico, transparencia e protección de datos.