Deputación de Lugo
Medio ambiente

O Impulso Verde de Lugo aforrará un 74% de consumo enerxético e reducirá as emisións de CO2 un 90%

Medio Ambiente
Lugo
Pilar García Porto
aforro enerxético
Presentación foto verde
Sae a licitación o primeiro edificio público da comunidade construído con madeira de Galicia, unha iniciativa froito do proxecto Life Lugo+Biodinámico, que, liderado polo Concello lucense, conta coa achega económica da Deputación

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto á voceira provincial socialista e Deputada de Promoción do Territorio, Pilar García Porto, anunciou hoxe un novo paso na construción na Garaballa do Impulso Verde, o primeiro edificio público de Galicia de madeira autóctona e a semente do que será o primeiro barrio multiecolóxico de España, xa que mañá aprobarase na Xunta de Goberno Local o inicio do procedemento para licitar a obra. Cun orzamento de 1.040.503 euros, o prazo de execución será de 12 meses máximo.
 
Este edificio pioneiro e innovador enmárcase no Life Lugo+Biodinámico, un programa liderado polo Concello que conta coa achega económica da Deputación, e que está encamiñado non só a deseñar desde Lugo as cidades ecolóxicas no futuro senón a ser exemplo na aplicación de solucións de enerxías limpas e de eficiencia enerxética.

A Alcaldesa, que estivo tamén acompañada por representantes dos outros socios deste proxecto, Belén Feijóo, arquitecta do Campus Terra,  e Luis Ruiz, da UPM, destacou que “este edificio piloto nace coa vocación de converterse nun referente na loita contra o Cambio Climático na sociedade galega, propondo un novo modelo construtivo realizado na súa totalidade con estrutura de madeira local”.
 
Por iso, insistiu, “suporá unha auténtica revolución no modelo de construción urbana, baseada no mellor que temos, os nosos recursos naturais, para minimizar o impacto ambiental e mellorar a calidade de vida dos e das lucenses”. Pero tamén “será un revulsivo económico para dinamizar o sector forestal de Lugo e de Galicia ao abrir as portas a un novo modelo produtivo de alta tecnoloxía, que permitirá desenvolver o valor engadido da madeira e doutros cultivos autóctonos, situando á cidade, á provincia e á comunidade no mapa da innovación ecolóxica”.
 
O Impulso Verde está deseñado cun sistema de estruturas laminares reticulares de eucalipto para a súa aplicación en cubertas, e un panel de madeira contralaminada de piñeiro radiata para a súa aplicación en edificación en altura.
 
En canto ás innovacións, será un edificio de balance enerxético case cero, é dicir, será capaz de producir con enerxías alternativas o seu consumo. Cando estea construído, monitorizarase para avaliar o seu rendemento e detectar, incluso, se pode producir máis enerxía da que consome.
 
Ademais, o seu modelo de construción implicará un aforro de consumo enerxético dun 74% respecto a edificios de oficinas xa existentes, e dun 54% respecto aos de nova construción.
 
Respecto ao CO2, Lara Méndez indicou que emitirá un 90% menos que os edificios de formigón e aceiro (50 toneladas fronte a 470) e que, ademais, absorberá 280 toneladas de emisións, “o que significa que está axudando xa nunha alta porcentaxe a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro”.
 
Desde un punto de vista espacial, o edificio conectará ao usuario coa natureza a través do emprego da madeira e da inserción de espazos axardinados, destinadas ao descanso e a distensión xa que estará rodeado dun novo parque con pavimentos drenantes, especies autóctonas, xardíns de choiva e unha ampla zona de hortos urbanos.
 
De uso público e con actividade permanente, o Impulso Verde albergará servizos municipais, ademais dun coworking para empresas relacionadas co medio ambiente e o cambio climático.
 
“Por todas estas razóns, o proxecto marcará un punto de inflexión, que contribuirá de maneira decisiva a un cambio de paradigma construtivo cara modelos sostibles e respectuosos co medio ambiente, pero tamén á posta en marcha dunha economía verde”, comentou Méndez. “Lugo será un municipio aberto ás empresas que queiran apostar por esta economía social e comprometida. Unha fórmula para consolidar a nosa identidade urbana e rural dentro do panorama global”, dixo.
 
A edificación será a semente do primeiro barrio multiecolóxico que se construirá en España desde cero e que combinará solucións urbanísticas e edificatorias, que tamén se recollerán nun pioneiro Catálogo de Solucións Sostibles, que o Concello de Lugo presentará proximamente.