O Presidente aproveita o Congreso Nacional de Economía Agraria para situar a Lugo como potencia no sector primario
O Presidente avanzou que a Granxa Experimental de Leite que a Deputación promove co Campus Terra arrancará a súa actividade a principios de ano e que se estuda incluír actividades relacionadas co gando vacún de carne e porcino
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este mércores na inauguración do XII Congreso Nacional de Economía Agraria na Escola Politécnica Superior do Campus Terra, un acto ao que asistiu o Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, e que Tomé aproveitou para situar á provincia como potencia no sector primario a nivel nacional e europeo.
José Tomé, que estivo acompañado do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, puxo en valor a entidade e transcendencia deste foro científico, tal e como demostra, apuntou, a presenza de poñentes e expertos de primeiro nivel, a inscrición de máis de 200 investigadores de universidades españolas e iberoamericanas e de profesionais doutros sectores, e a propia presenza do máximo responsable do Ministerio de Agricultura. Deste xeito, o evento académico, subliñou o Presidente provincial, ademais de avanzar na investigación e divulgación no ámbito da economía agraria, o medio ambiente e o desenvolvemento territorial, “serve para visibilizar a inmensa riqueza de Lugo, a importancia do sector primario lucense e o peso da provincia de Lugo dentro do sector primario do conxunto do país e da Europa Atlántica”.
Así mesmo, José Tomé destacou os principais proxectos que a Deputación ten en marcha, da man do tecido produtivo e da Universidade, para mellorar a competitividade e a produtividade do sector baixo criterios de innovación e sostibilidade. “Traballar polo futuro desta actividade é traballar polo futuro da provincia, para xerar riqueza e emprego, par asentar poboación e evitar un Lugo baleirado”, asegurou.
Lembrou como iniciativas destacadas da Deputación en apoio do sector primario o Centro de Recría de gando vacún de Gayoso Castro, o primeiro de carácter público aberto en España, e a Granxa Experimental de Leite impulsada en colaboración co Campus Terra, que arrancará a súa actividade a principios do ano 2020, e onde no futuro, avanzou, poderían realizarse tamén actividades relacionadas co gando vacún de carne e porcino.
Como mostra da importancia que o Goberno provincial lle dá a este eido, o Presidente puxo a creación por primeira vez dunha área provincial especificamente destinada a xestionar e impulsar a Granxa Gayoso Castro, o Centro de Recría e a Granxa Experimental de Leite, ademais da Finca de Tor. Trátase da área de Recursos Sostibles, que ten como obxectivo reforzar estes bens patrimoniais da Deputación como elementos tractores para o sector primario da provincia.
A creación da primeira Escola Pública de Agricultura Ecolóxica de Galicia, aberta no Valadouro, e a liña de axudas directas aos productores para a recuperación de terras son outros dos proxectos da institución provincial que subliñou o Presidente para recalcar o seu compromiso coa actividade agraria.
José Tomé mostrouse convencido de que o contido e os resultados do Congreso de Economía Agraria “serán moi proveitosos para planificar a xestión, actuacións e políticas que sigan impulsando o desenvolvemento económico, pero tamén social do territorio, xa que o sector primario e o rural, non son só unha fonte de recursos económicos, senón que representan unha forma de vivir, cuns valores e unha identidade cultural propios e diferenciados”.