A Deputación, comprometida co desenvolvemento sostible na apertura dunha mostra da UNED sobre o cambio climático
José Tomé subliñou que o coidado do medio, con accións directas como a xestión das reservas da biosfera Terras do Miño e Ancares ou os plans Life da Serra do Xistral e Lugo+Biodinámico, é unha política transversal na institución provincial
Valorou ademais a óptica dende a que aborda o tema este conxunto de 19 paneis, porque “só dende esa visión podemos conseguir a mobilización da veciñanza e emprender medidas concretas en beneficio do conxunto da sociedade”
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, participou este xoves no acto de inauguración da exposición Nuestro Mundo, Nuestro Futuro, Nuestra Opción na UNED de Lugo, xunto á directora deste Centro Asociado, Ana Belén Traseira Pena, e o director do Centro Asociado da UNED de Ávila, Ignacio Zúñiga López. Unha mostra que se enmarca dentro do programa de actividades do proxecto Lugo NaturalMente organizado pola Universidade Nacional de Educación a Distancia para este 2020.
Tomé Roca subliñou o compromiso que ten a Deputación de Lugo en materia medioambiental e explicou que “o coidado do noso medio xa é unha política transversal, presente en todas as actuacións desta institución”. Ademais, recordou algunha das accións directas que están en marcha como son, por exemplo, a xestión das reservas das biosfera Terras do Miño e Ancares, os hortos urbanos, o programa Life in common land que ten como obxectivo fomentar o aproveitamento sostible do territorio da Serra do Xistral ou,o Lugo+Biodinámico, que, encabezado polo Concello de Lugo, busca un desenvolvemento urbano respectuoso co medio ambiente.
Con respecto á mostra que se vén de inaugurar esta tarde, o Presidente loou o traballo desenvolvido polo Centro Asociado da UNED de Lugo para conseguila, no marco do proxecto Lugo NaturalMente. “Este é un exemplo de como podemos actuar dunha maneira eficaz para acadar ese desenvolvemento sostible que todos buscamos, porque aborda o tema dende unha óptica optimista, un aspecto fundamental para conseguir a mobilización da sociedade para un ben común”.“O pesimismo, predicar sempre cousas negativas, pode acadar grandes titulares, pero difunde no tecido social un desánimo que desmobiliza e dificulta a adopción de medidas concretas”, remarcou Tomé Roca.
Lugo NaturalMente é un programa completo, que recolle as grandes liñas da axenda 2030 e que as traslada á súa contorna máis próxima. “É unha iniciativa que conxuga a formación con propostas de cambio do centro e que entende moi ben a nosa realidade porque inclúe accións na cidade de Lugo, pero tamén en concellos coma Foz ou Viveiro, un feito que dá mostra de que é consciente da biodiversidade que atesoura a nosa provincia”.
A exposición
A exposición, que estará aberta ao público ata o 20 de xaneiro, baséase no proxecto CLARITY, Acción Educativa polo Clima. Componse de 19 paneis nos que se retrata o fenómeno do cambio climático, as súas causas e respostas que se están propoñendo para poder facerlle fronte. O obxectivo principal é achegarlle á cidadanía o problema medioambiental do cambio climático, tanto a nivel global como a nivel local.