A Deputación promociona en Xantar a riqueza gastronómica da provincia
No stand da Deputación ofreceranse degustacións de alimentos típicos lucenses, como viño da Ribeira Sacra, embutidos de Porco Celta e galletas da Veiga, co fin de dar a coñecer a variedade de produtos da provincia, con Denominación de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas da provincia
Dentro da estratexia de apostar polas novas tecnoloxías neste ámbito, García Porto explica que a app Inventrip lle permite ao visitante escoller entre os diferentes locais de hostalería e restauración, segundo as súas preferencias e a súa localización
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este mércores na inauguración do 21º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar 2018. Trátase da feira gastronómica organizada por Expourense, que terá lugar dende hoxe e ata o vindeiro domingo na capital ourensá, para promover a calidade da gastronomía e o turismo sustentable e saudable na comunidade galega.
A Deputación de Lugo promoverá a provincia de Lugo e os seus produtos gastronómicos entre os centos de persoas que participan en Xantar, pois contará cun espazo propio durante os cinco días que dura o evento. No stand da Deputación ofreceranse degustacións de alimentos típicos lucenses, como viño da Ribeira Sacra, embutidos de Porco Celta e galletas da Veiga. Ademais, ofrecerase material divulgativo con folletos promocionais dos concellos lucenses, das Denominacións de Orixe, e tamén das tres Reservas da Biosfera da provincia.
García Porto subliñou que o obxectivo é “dar a coñecer as potencialidades dos nosos 67 concellos da provincia e tamén da calidade dos nosos Consellos Reguladores de Denominación de Orixe, dos Consellos Reguladores de Agricultura Ecolóxica, das Indicacións Xeográficas Protexidas, e tamén das Asociacións de Criadores de Razas Autóctonas, ademais da Asociación Provincial de Hostalería da Provincia".
Para a provincia de Lugo, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico “é un gran escaparate para dar a coñecer Lugo e os seus produtos e, tamén para establecer contacto con diferentes empresas de restauración, produtores, entidades públicas e privadas, e público en xeral, coa finalidade de atraer ao maior número de persoas a coñecer a nosa provincia”.
Ademais, dentro da estratexia de apostar polas innovacións tecnolóxicas na promoción do territorio, “vimos de lanzar dúas aplicacións para móbiles e precisamente, unha delas, Inventrip, permítelle ao visitante trazar o seu propio itinerario de viaxe e facilítalle ao visitante coñecer os diferentes locais de hostalería e de restauración da provincia, a través dos cales pode escoller entre un gran abano de oportunidades o lugar que máis encaixe coas súas preferencias”.
Degustacións
Este sábado, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico dedicaralle o día á provincia de Lugo. A Deputación ofrecerá unha demostración culinaria en directo dun menú feito con produtos propios da provincia que, unha vez rematado, dará a degustar de forma gratuíta entre os asistentes á cita.
“Dende a Deputación somos fieis ao noso propio produto e temos un gran interese por potenciar a nosa gastronomía como motor para o desenvolvemento turístico dos territorios produtores, fomentando a profesionalización de todos os que interveñen na cadea agroalimentaria ata que o produto chega á mesa, por iso contaremos o sábado con alumnado e profesorado da Escola de Hostalería e Turismo Belarmino Fernández de Sober, un exemplo dos grandes cociñeiros e cociñeiras que formamos na provincia”, subliñou Pilar García Porto.
Por outro lado, o sábado tamén estarán dúas representantes da asociación MOEXMU de Muimenta (Cospeito) cociñando filloas e dándolle a proba de forma gratuíta aos asistentes coa finalidade de promocionar a XXIX Festa da Filloa, dedicada a unha das sobremesas máis típicas da cociña galega. Esta cita celébrase o 1º de maio e no ano 2008 foi declarada de Interese Turístico Galego.