Cultura
Deputación de Lugo

Música en directo, poesía e audiovisual co Ciclo Experimenta, do 22 ao 24 de xullo nos xardíns de San Marcos e no claustro do Museo de Lugo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
CICLO EXPERIMENTA
TELE CLUBE
XARDÍNS PAZO DE SAN MARCOS
A programación, organizada por Tele Clube coa colaboración da Vicepresidencia, inclúe actuacióins de Homem en Catarse (Portugal), Amorante (Euskadi), Strange Mystery Flower (Galiza) e Los Sara Fontán (Cataluña)

As entradas, de balde, poderán reservarse a partir do 15 de xullo, no enderezo electrónico info@teleclube.com

Os xardíns do Pazo de San Marcos e o claustro do Museo de Lugo acollerán a segunda edición de Ciclo Experimenta, un programa que conxuga a música en directo co audiovisual e a poesía. A iniciativa, promovida por Tele Clube coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, inclúe actuacións de Homem en Catarse, Amorante, Strange Mystery Flower e Los Sara Fontán do 22 ao 24 de xullo.

Na presentación da iniciativa, Chus Rodríguez, de Tele Clube, destacou a satisfacción que supón para a entidade retomar un proxecto iniciado no 2019 e interrumpido pola pandemia no 2020 e explicou " os eixos nos que se fundamenta esta nova andaina do Experimenta serán riqueza e diversidade das linguas (este ano en portugués, galego, inglés, euskera e castelán), o audiovisual, a poesía e a mestura da música folclórica e máis tradicional con propostas totalmente innovadoras e rupturista". Referiuse tamén a importancia dos escenarios para a experiencia do público participante, que "poderá desfrutar dunha viaxe sensorial sentado na súa cadeira"

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, explicou que "desde a área de Cultura apoiamos esta iniciativa movidas por dous obxectivos: apoiar o tecido asociativo e a actividade cultural, neste caso a través dun ciclo moi singular que nos achega a creadoras e creadores de toda a Península, desde Portugal ata Cataluña; e promover o uso cultural e social dos espazos públicos xestionados pola Deputación de Lugo, unha liña na que apostamos sempre para facilitar que a cidadanía desfrute e valore estes espazos de gran valor patrimonial".

A programación suporá a volta da actividade cultural aos xardíns do Pazo de San Marcos tras a pandemia, cun uso " adaptado á situación sanitaria e compatible coa conservación e protección destes espazos". A entrada aos concertos será gratuíta, pero con reserva previa a partir do 15 de xullo a través do enderezo electrónico info@teleclube.com

Programación