Deputación de Lugo

Teatro, cursos de obras escénicas e curtametraxes co Lugo Cultural da Deputación, Concello e USC

- Trátase do convenio de colaboración da Deputación, Concello de Lugo e USC co que se ofrecen actividades lúdico-culturais totalmente gratuítas durante todo o ano - Este luns presentouse o XXVII Festival de Teatro Universitario que se celebrará do 21 ao 27 de marzo e a II Findecurta que terá lugar do 31 de marzo ao 3 de abril - As persoas que queiran participar neste certame audiovisual teñen ata o 29 de marzo para presentar toda a documentación na Oficina de Cultura na Vicerreitoría de Coordinación ou no cultura.lugo@usc.es

A Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto, xunto á Concelleira de Cultura, Carmen Basadre Vázquez, e á Vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus Terra da USC, Mª del Carmen Silva Domínguez, presentaron este luns na Capela de Santa María o Festival de Teatro Universitario e a Findecurta. Estas actividades están enmarcadas dentro do Lugo Cultural, o convenio de colaboración da Deputación, Concello de Lugo e Universidade de Santiago de Compostela, dotado de 60.000 euros. Cada entidade achega 20.000 euros.

García Porto subliñou que “dende o Goberno da Deputación colaboramos co Concello de Lugo e coa Universidade de Santiago de Compostela para achegar unha ampla programación lúdico-cultural totalmente gratuíta para os lucenses durante todo o ano. En concreto, hoxe presentamos varias actividades relacionadas coas artes escénicas e o audiovisual coas que que promocionamos e impulsamos o traballos dos artistas da nosa provincia.”

Carmen Basadre, incidiu na implicación do Campus Terra coa cultura lucense, que, como ven sendo habitual, conta co respaldo e colaboración do Concello de Lugo.

Ao rematar a presentación os integrantes da Compañía de teatro USC-Lugo realizaron unha pequena interpretación da obra Paz Perpetua, no escenario da Capela de Santa María.

Festival de teatro universitario
O teatro é unha aposta forte do Lugo Cultural, por iso do 21 ao 27 de marzo celebrarase a XXVII edición do Festival de Teatro Universitario, que reunirá a diferentes compañías de Galicia e que dedica unha xornada á exposición dos microproxectos nos que traballan estudantes de teatro que se atopan fóra de Lugo. Todas as actuacións do Festival de teatro universitario terán lugar no Auditorio Gustavo Freire agás o 25 de marzo e as obras de teatro de rúa e escaparates. A entrada é libre salvo os días 24 e 25 por aforo limitado. As entradas recóllense na oficina de cultura da vicerreitoría o 17 de 9:00 a 14:00 horas.

- O 21 de marzo ás 21:00 horas terá lugar a actuación da Aula de Teatro Universitaria de Ourense Maricastaña da obra A última cornixa do Mundo, unha dramaturxia de Fernando Dacosta baseada en Océano mar de Alessandro Baricco, dirixida por Rubén Ruibal.
- O 22 de marzo ás 19:00 horas terá lugar a actuación da Compañía independente Krilajo Vestibulo da obra A vontade do pobo dirixida por Jose María Tubío. O mesmo día ás 21:00 horas a Aula de teatro da UDC interpretará a obra O home do saco de Juan Mayorga, dirixida por Rubén Ruibal.
- O 24 de marzo ás 12:00, 18:00 e 21:00 horas actuará a Compañía de Teatro USC-Lugo coa obra Paz Perpetua de Juan Mayorga, dirixida por Paloma Lugilde. Ás 19:00 horas Microproxectos de Apnea de Lucas Chap e Nestor Rubio Resad Madrid.
- O 25 de marzo ás 20:00 e ás 22:00 horas no hotel Torre de Nuñez a Compañía de teatro el Mayal-ULE León e Castela interpretarán Hotel Las Vegas dirixida por Javier de la Varga.
- O 26 de marzo ás 21:00 horas na Casa do Saber terá lugar un encontro con Ernesto Arias.
- O 27 de marzo ás 20:45 horas no Vestíbulo terá lugar o Estudo do taller de interpretación do campus dirixido por Xoán Laxe. Ás 21:00 horas a Compañía de teatro USC-Santiago de Compostela interpretará Cousas que trouxo a chuvia de Roberto Salgueiro.

Curso
Do 25 ao 28 de marzo de 9:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas na Aula de Teatro da USC terá lugar o curso Lo verbal y lo sensorial en la actuación impartido por Enersto Arias, e que conta con 14 prazas. A matrícula estará aberta ata o 23 de marzo, e teñen unhas taxas de 135 euros en xeral e 85 euros para os universitarios.

Actividades complementarias ao festival
- O mércores 15 Palimoco teatro actuará ás 17:30 horas en Malizia lencería, ás 18:30 horas en Sin suelas, e ás 19:45 horas na Libería Biblos.
- O xoves 16 o grupo Lucecús Teatro actuará en Sin suelas ás 10:30, 11:30, 12:00 e 13:00 horas.
- O venres 17 o grupo Teatro do Miolo actuará en Duendecillo ás 17:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas.
- O martes 21 o grupo Yazabro actuará ás 11:00 horas na Libería Biblos e ás 12:30 horas na Librería Trama.
- O sábado 18 ás 12:00 horas no Fondo da Praza Maior actuará Palimoquiños coa obra Espazo 10 teatro Quen ocupa esa cadeira.

Findecurta
A segunda edición da Findecurta terá lugar do 31 de marzo ao 3 de abril. As persoas que queiran participar neste certame audiovisual para o impulso de novos creadores, teñen que inscribirse do 13 ao 29 de marzo na Oficina de Cultura na Vicerreitoría de Coordinación, de 9:00 a 14:00 horas, ou enviar un correo electrónico co pdf a cultura.lugo@usc.es. As bases e a ficha de inscrición na www.lugocultural.es. Máis información no 982821513.

O 5 de maio ás 22:00 horas haberá unha proxección na Praza de Santa María (na Casa do Saber en caso de choiva) e entrega dos seguintes premios:
- 1º Premio de 500 euros e participación na 39ª Semana Internacional de Cine de Autor onde competirá polo Premio á Mellor Curtametraxe Galega.
- 2º Premio (Premio do Público) participación na 39ª Semana Internacional de Cine de Autor onde competirá polo Premio á Mellor Curtametraxe Galega.