Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación promociona a IV Ruta dos Lobos, na que participan 400 afeccionados

- O organismo provincial colabora cunha achega de case 1.000 euros, así como coa difusión e gravación da Ruta a través da TIC da Deputación
-Técnicos e bolseiros da TIC gravarán o itinerario de 59 quilómetros que percorrerán 400 afeccionados ao ciclismo de montaña de Galicia,  León,  Asturias e Bilbao
- A IV Ruta dos Lobos dará comezo o día 8 ás 11:00 horas, na Praza do Concello da Fonsagrada. A información detallada pódese consultar na web www.rutadoslobos.com

O Goberno da Deputación promociona a IV Ruta dos Lobos pola seimeira de Vilagocende, na que participarán ao redor de 400 afeccionados á bicicleta de montaña de toda Galicia, León, Asturias e Bilbao. Así o informou o Deputado e patrón da TIC Álvaro Santos, na presentación da Ruta, na que participaron o Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández, xunto ao Técnico de Deportes, Enrique Fernández e membros da Asociación Deportiva Montaña Oriental.

Santos Ramos subliñou que “colaboramos con preto de 1.000 euros, así como coa difusión e gravación da Ruta, a través da TIC da Deputación, para contribuír á promoción turística da montaña de Lugo a través da práctica do deporte en contacto coa natureza. Neste caso, polas seimeiras de Vilagonce, a fervenza máis grande de Galicia, que con 50 metros de altura resulta espectacular e ofrece unha visión realmente fermosa da Fonsagrada”. 

O patrón da TIC lembrou que “como en anos anteriores, un equipo de profesionais e bolseiros realizará un vídeo e reportaxes sobre a Ruta para a súa difusión nas redes sociais, blogs e foros especializados na práctica da BTT. Coa súa achega, a TIC da Deputación cumpre cun dos seus obxectivos principais como é divulgar e promover as actividades que organizan os Concellos da provincia”.

O Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, agradeceu a Deputación e a Fundación TIC por contribuír a divulgar “esta ruta senlleira”, e sinalou que esta nova edición “vai quedar gravada na historia do cicloturismo da vila”.

O itinerario dos Lobos
A IV Ruta dos Lobos dará comezo este sábado, día 8, ás 11:00 horas, na Praza do Concello da Fonsagrada. O percorrido total é de 59 quilómetros, e levará aos participantes cara a seimeira de Vilagocende e despois polas marxes do río Lama ata unha ferrería abandonada, en Vilar da Cuíña. Haberá dous traxectos máis curtos, o primeiro de 28 quilómetros e o segundo de 44 quilómetros, a elixir polos participantes en función do seu nivel de esixencia. A chegada dos primeiros ciclistas está prevista para as 16:30 horas ao Campo da Feira, onde terá lugar o lavado das bicicletas.

O venres, día 7, haberá unha proba de cronometraxe ás 20:00 horas; e o sábado ás 16:30 horas unha xincana gratuíta con bicicletas para nenos, que coordinará o club ciclista Cidade de Lugo na praza do Concello. Para completar o programa desta IV edición, o domingo terá lugar unha ruta voluntaria, duns 22 quilómetros, ata as seimeiras de Queixoiro, no río Rodil.

Seguimento da proba
Para presenciar o desenvolvemento da proba, e ao tempo desfrutar da paisaxe, a organización sinala varias localizacións ao longo da Ruta. Trátase das baixadas de Fulgueirosa á seimeira, da Ponte de Souto, da Barreira á Ferrería, A Gamalleira e nas Pedras Apañadas. Todos eles lugares accesibles de interese natural e atractivo turístico. A información detallada pódese consultar na web www.rutadoslobos.com.