Deputación de Lugo

40 persoas participan hoxe no roteiro a obradoiros artesáns que o Goberno da Deputación leva á Mariña

- Trátase  da iniciativa do Goberno Provincial coa que ofrece visitas a obradoiros de artesáns por toda a provincia durante o 31 de marzo, 1 e 2 de abril para celebrar os Días Europeos da Artesanía - Durante a xornada os 40 participantes na ruta visitaron  o Taller Estampa, Estaleiros Fra, o obradoiro de Oscar Rodríguez e as instalacións de Regal Cerámica - O Centro de Artesanía e Deseño Durante ofrece durante a fin de semana xornadas de portas abertas. O horario é de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, e a Concelleira de Turismo do Concello de Viveiro, María Soledad Rey Yáñez, participaron este sábado no roteiro a obradoiros de artesáns da mariña lucense, totalmente gratuítos, que o Executivo Provincial ofrece con motivo dos Días Europeos da Artesanía. Neste ruta pola zona norte da provincia participaron 40 persoas, que puideron coñecer de primeira man como traballan os profesionais do sector na mariña.

García Porto subliñou que “dende o Goberno da Deputación ofrecemos este tipo de iniciativas, totalmente gratuítas, para fomentar un dos oficios máis ligados á identidade galega que axuda a fixar poboación nas zonas rurais, ademais de ser unha actividade económica cun grande valor engadido. Con esta ruta na zona sur da provincia conseguimos que os participantes coñezan un pouco máis do traballo diario que realizan os artesáns da mariña.”

Ademais, durante os Días Europeos da Artesanía, o Centro de Artesanía e Deseño ofrecerá xornadas de portas abertas, totalmente gratuítas para os lucenses, nas que poderán visitar a Exposición Plastishistoria da Ciencia, a Colección de Instrumentos Musicais, e os obradoiros do Moble, do Libro e Instrumentos Musicais. O horario é de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.

Obradoiros da Mariña
- Estudio Estampa: é un estudo de deseño e serigrafía independente situado en Mondoñedo, provincia de Lugo. As súas novas propietarias Julieta e Lucía Vargas herdaron os coñecementos dos seus pais, serigrafistas cunha longa traxectoria artística e profesional, e ampliáronos cara aos campos do deseño gráfico e o deseño de moda. A súa especialidade é a creación de marca, ilustracións e produtos para pequenos ou grandes proxectos. Traballan por encargo creando conceptos visuais e impresións non convencionais sobre distintos soportes de téxtil e papel. Tamén deseñan as súas propias coleccións de fogar e complementos de moda que comercializan en feiras e eventos tanto de carácter local como internacional, compaxinando este labor produtivo coa organización de actividades educativas ao redor do seu oficio.

- Estaleiros Fra: O estaleiro atópase situado na marxe dereita do río Cobo, no porto de San Ciprián, na provincia de Lugo. Conta cunha experiencia de máis de dous centos anos construíndo e reparando embarcacións de todo tipo: desde a chalana máis pequena ata un cargueiro de vinte e oito metros de eslora, pasando por todo tipo veleiros e embarcacións de pesca ou recreo. Francisco Fra é o último de 7 xeracións de carpinteiros de ribeira que constrúe, navega e fala coa paixón do que forma parte dun anaco da historia da Galicia mariñeira

- Oscar Rodríguez Joyeros: Cunha traxectoria profesional de máis de trinta anos Óscar Rodríguez dirixe un dos máis prestixiosos talleres de xoiería de España, especializado na creación de pezas únicas, exclusivas e de gran calidade das que non se fan moldes e cuxa comercialización se canaliza a través de exposicións e feiras de carácter profesional. Traballa con todo tipo de metais, perlas e pedras preciosas, aínda que o seu traballo máis internacional é o coñecido como “tesouros do mar e a terra”, onde incorpora cunchas e madeiras seleccionadas que manipula con maxistral destreza e precisión ata obter verdadeiras obras de arte. O seu taller emprázase no casco antigo de Viveiro, nun edificio rehabilitado para albergar tres zonas: a de preparación do material, a zona de traballo onde se monta, se engasta e se pule, e a zona de deseño e organización.

- Regal Cerámica: Os seus talleres atópanse no complexo cultural e museístico Regal Xunqueira, en Viveiro. Están especializados no traballo con gres porcelánico cocido a 1.330º e as súas pezas distínguense polo seu deseño, creatividade, innovación e orixinalidade. Ademais levan máis de 30 anos presentes no mercado da artesanía e tendas de agasallo.

Roteiro mañá na zona Sur
O domingo 2 de abril os participantes dos roteiros visitarán os obradoiros artesáns do Sur da provincia.
- Ás 9:00 horas comezará o roteiro na Rolda da Muralla.
- De 9:40 a 11:00 horas visita a Arxemil Luthier.
- De 11:00 a 11:45 horas visita á Feira de Antigüidades
- De 12:30 a 14:00 horas visita ao Pazo de Tor.
- De 15:45 a 17:00 horas visita a Rectoral Gundivós.
- De 18:15 a 19:30 horas visita a Armaior.

Días Europeos da Artesanía
Os Días Europeos da Artesanía é unha iniciativa de proxección internacional que tivo a súa orixe nos Journées des Métiers d´Art que se celebran en Francia dende o ano 2002 e en varios países da Unión Europea. En España os Días Europeos da Artesanía están promovidos pola Escola de Organización Industrial EOI e pola súa cátedra de promoción da artesanía, Fundesarte, entidade pública sen ánimo de lucro adscrita ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo cuxo principal obxectivo é a mellora da competitividade das empresas artesanais e a súa promoción dentro e fora das nosas fronteiras.

Os Días Europeos da Artesanía achegan ao público a singularidade da artesanía e os seus oficios, a súa evolución, o uso de novos materiais así como a implicación das novas tecnoloxías coas técnicas tradicionais. Artesáns, Escolas de Artes Aplicadas, Museos, Asociacións Artesanais e Corporacións Locais, súmanse a este proxecto para mostrar aos cidadáns o patrimonio e a creatividade da man dos oficios artesáns, mediante unha oferta de actividades para tódolos públicos.