Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación colabora na promoción do libro As Covas do Rei Cíntolo, de Daniel Cortezón, e Suso Peña

- O libro, que se editou por primeira vez no ano 1956 pola Editorial Galaxia, conta cun prólogo de Ramón Piñeiro, e un vocabulario de Voces pouco usadas
- García Porto destacou que “con esta publicación recuperamos unha das primeiras obras publicadas en galego, e ao mesmo tempo descubrimos o traballo de Suso Peña”
- O Executivo Provincial colabora coa promoción e difusión do libro pola provincia, coa adquisición de 200 exemplares

A Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto, presentou este venres na Casa das Letras de Ribadeo a reedición da obra de Daniel Cortezón, As covas do Rei Cintolo, que foi publicada por primeira vez no ano 1956, pola Editorial Galaxia, e que conta cun prólogo de Ramón Piñeiro, e un vocabulario de Voces pouco usadas. Fíxoo xunto ao editor, Manuel López; o cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa; e o Concelleiro de Cultura de Ribadeo, Farruco Graña. O Goberno da Deputación colabora coa promoción e difusión deste libro pola provincia, coa adquisición de 200 libros. Esta nova edición, inclúe un cómic doutro autor ribadense, Suso Peña, que leva o mesmo título.

García Porto destacou “con esta publicación faise xustiza coa obra destes dous autores ribadenses. Xa que, por un lado recuperamos unha das primeiras novelas publicadas en galego, que xa tivo éxito alá polo anos 50, e ademais descubrimos o cómic de Suso Peña, o primeiro debuxante de cómic profesional de Galicia. Unha peza que debuxou para unha revista que se chamaba Comix, da editorial Toutain”.

A Deputada explicou ademais que a estes dous autores mariñáns uníaos unha fonda amizade, e lembrou que xa colaboraran xuntos en varias publicacións, por iso esta publicación cobra máis sentido. “A Deputación colabora con esta edición, unha das primeiras novelas publicadas en galego, porque é imprescindible recoñecer e valorar as obras dos nosos autores; sexan escritores, pintores, artesáns, todos merecen o noso recoñecemento”, subliñou.

Daniel Cortezón premio Blanco Amor
Daniel Cortezón (Ribadeo, 1927-2009), cultivou a narrativa, o ensaio e o teatro, eido no que desenrolaría a maior parte do seu traballo literario. Entre as súas obras destaca “Os Irmandiños”, ou “Xelmirez ou a gloria de Compostela”, “De la saudade y sus formas”, “Dionisio Gamallo Fierros, Varón de Porcillán”, e no ano 1981 recibiu o Premio Blanco Amor coa obra “A vila asulagada”.

Suso Peña, o primeiro debuxante de cómic profesional de Galicia
Suso Peña (Ribadeo, 1941-2005), mestre autodidacta en case tódalas áreas que abrangue o mundo gráfico:debuxo, ilustración, deseño, fotografía, aínda que sería coñecido máis que nada polo seu traballo como debuxante- e tamén de guionista- de cómic no eido no que acadaría recoñecemento universal, e no que hai que resaltar “El Senado en España (1985)”, coa que se deu a coñecer esta institución.