Deputación de Lugo

Exposicións, congresos e concertos durante toda a semana, a proposta do Goberno da Deputación para conmemorar o Día Internacional da Muller

Imaxe deputación de lugo
- A Deputada de Igualdade presentou este luns a programación de actividades lúdico-culturais que o organismo provincial oferta durante toda a semana no centro da cidade - A mostra Nós+outrxs en rede, o concerto de Batuko Tabanka, ou o Congreso de Xéneros, Museos, Arte e Educación son algunhas das actividades programadas - O 8 de marzo o organismo provincial iluminará a fachada do Pazo de San Marcos de cor violeta simbolizando a sensibilidade da institución provincial coas mulleres
A Deputada de Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, presentou este luns a programación de actividades que o Goberno da Deputación organiza esta semana con motivo do Día Internacional da Muller, o vindeiro 8 de marzo.

Programación

- O 7 de marzo ás 20:00 horas: inaugúrase a mostra Nós+outrxs en rede que estará exposta ata o 30 de abril nos 4 museos da Deputación.
- O 8 de marzo ás 20:30 horas: terá lugar o concerto de Batuko Tabanka na Capela de Santa María que forma parte do MusicAD, a programación musical do Executivo provincial no mes de Marzo. Tabanka é unha asociación que se fundou co obxectivo de dignificar a cultura caboverdiana, lembrar a procedencia da nai África en todos os expoñentes culturais posíbeis e a súa música é algún dos múltiples presentes que brindan estas polifacéticas mulleres. A cada asistente ao concerto entregaráselle unha flor violeta.
Durante este día o organismo provincial iluminará a fachada do Pazo de San Marcos de cor violeta simbolizando a sensibilidade da institución provincial coas mulleres. Ademais, a Fundación TIC realizou un vídeo reivindicando o papel da muller que se proxectará ese mesmo día nos paneis de San Marcos.
- O 10 de marzo ás 11:00 horas: inaugúrase no Museo Provincial de Lugo o IV Congreso de Xéneros, Museos, Arte e Educación cunha xornada na que trata sobre como os museos amosan a diversidade de xéneros e os seus papeis na historia e na sociedade a través dos seus discursos monográficos, coleccións e actividades.
- O 11 de marzo ás 10:00 horas: terá lugar a segunda xornada do IV Congreso de Xéneros, Museos, Arte e Educación no Museo Pazo de Tor.

Ademais, este ano a Real Academia Galega dedicará o Día das Artes Galegas á artista viveirense Maruja Mallo. O Goberno da Deputación, xunto ao Concello de Viveiro e á RAG organizarán unha programación de actividades durante todo o ano para difundir o legado da pintora e reivindicar o traballo das mulleres.