Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación consegue que no verán o Club Kayak de Foz teña un hangar para 116 embarcacións

- O Presidente comprobou o estado das obras de ampliación das instalacións do club, que financia en solitario o organismo provincial con 100.000 euros - O novo edificio, que se constrúe anexo ás instalacións actuais, terá unha superficie de 480 metros, con capacidade para 116 embarcacións de tipo K-1. Estará listo no verán, prazo que aumentou en 4 meses porque o PP votou en contra da axuda ao club - O Goberno da Deputación levou a Foz outros 21.000 euros para o deporte, que permitiu a celebración de eventos como a Travesía de Foz, torneos de fútbol, tenis ou baloncesto, así como actividades de distintos clubs e asociacións focenses

O Presidente, Darío Campos Conde, o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e o Presidente do Club Kayak de Foz, Nacho Romillo, supervisaron este martes as obras de ampliación das instalacións deste club, que financia en solitario o Goberno da Deputación con 100.000 euros e que finalmente estarán listas no verán.

Estes traballos consisten na construción dun novo hangar de piraguas, que permitirá o pleno desenvolvemento das labores de formación e promoción do piragüismo na Mariña, cubrindo a demanda de espazo existente debido ao elevado número de usuarios desta modalidade deportiva. O novo edificio, que se constrúe anexo ás instalacións actuais, terá unha superficie de 480 metros, con capacidade para 116 embarcacións de tipo K-1.

As obras rematarán no verán, prazo que se viu ampliado porque o Partido Popular votou no Pleno Provincial de outubro en contra da concesión de dita axuda ao club focense, bloqueando o inicio destes traballos ata o mes de febreiro.

Características
A estrutura exterior xa se atopa rematada e nos vindeiros días comezarán os traballos no interior do edificio, coa división dos espazos, a instalación de desaugadoiros, ou a construción das escaleiras que darán acceso á planta alta. A zona baixa reservarse para o almacenamento de piraguas e tamén contará cun taller para poder levar a cabo pequenas reparacións, mentres que no segundo piso haberá unha zona de oficinas e de usos múltiples.

A necesidade de realizar estas obras vén dada polas graves deficiencias que presentaba a instalación actual, cun importante deterioro da cuberta, e a escaseza de espazo debido ao crecemento exponencial do club nos últimos anos, impedindo a mellora do seu rendemento competitivo.

Club Kayak de Foz
O Club Kayak de Foz fundouse no 1983 e actualmente dispón dunhas 70 licenzas federativas. É o organizador da Travesía de Foz, un dos eventos máis importantes que teñen lugar na Mariña no eido deportivo. En efecto, trátase da terceira proba deste tipo máis lonxeva de España e a segunda de Galicia. Dende que se organizou por primeira vez, no ano 1962, veuse disputando de maneira ininterrompida ata a actualidade. A Deputación é a principal patrocinadora deste evento deportivo, pois achega 7.000 euros, mentres que o Concello de Foz aporta 5.000 euros e a Xunta 1.500.

Máis axudas ao deporte
O Goberno da Deputación levou a Foz outros 21.000 euros máis para o pulo do deporte, pois con este orzamento colaborou con distintos colectivos. Por exemplo, co Club Deportivo Foz, Club Baloncesto Celtas de Foz, Club Kayak de Foz ou o Club Ciclista de Foz, que recibiron axudas para a súa actividade competitiva. O Goberno da Deputación tamén contribuíu á posta en marcha de actividades da Asociación Deportiva Nuestra Señora del Pilar; da escola de tenis do Club de Tenis de Foz; da escola de Vela do Club Náutico de Foz ou da Agrupación Deportiva Martínez Otero. Ademais, financiou a organización do Torneo de Fútbol Foz Costa Nova Cup, da Liga de Inverno de tenis ou do Campus de Verán de patinaxe artística.