Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación achegou aos veciños do Valadouro máis de 330.000 euros para mellorar a súa calidade de vida

- O Presidente e o Alcalde informaron das actuacións que o Executivo Provincial levou ao Valadouro co presuposto de 2016, acadando un investimento de 160 euros/habitante - Máis de 40 maiores reciben atención profesional logo de que o Goberno da Deputación triplicase o orzamento para facelo porque a Xunta de Galicia non os atende - O Executivo Provincial financia con 135.000 euros a mellora do conxunto de estradas do casco urbano do Valadouro e máis dunha ducia de 6 parroquias - Nos vindeiros días, seleccionaranse a 5 novos alumnos da Escola de Horticultura gratuíta e pública e a 6 parados lucenses que comezarán a traballar co DEPUEMPREGO

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde do Valadoro, Edmundo Maseda, informou este martes sobre os 331.000 euros do Orzamento de 2016, que o Goberno Provincial achegou aos veciños deste municipio para mellorar a súa calidade de vida. Campos Conde apuntou que “este investimento representa o 25% do presuposto municipal e supón unha achega duns 160 euros por habitante. Creo que a colaboración que prestamos dende o Executivo Provincial aos Concellos é fundamental para poder atender as necesidades dos nosos cidadáns ante os recortes das principais administracións no país, pois as actuacións que financiamos serviron para reforzar o conxunto de prestacións públicas e o emprego, que se require para vivir no rural”.

O Presidente e o Alcalde mantiveron un encontro cunha usuaria do Servizo a Domicilio para non dependentes, que financia na súa totalidade a Deputación nos 66 Concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes porque a Xunta de Galicia non achega nin un só euro. Campos Conde destacou que “triplicamos a nosa achega no Valadouro, facendo que hoxe sexan preto de 40 os maiores deste municipio que reciben atención nas súas casas”.  Son 23.100 euros os que destinou o Executivo Provincial á tamén coñecida como Axuda no Fogar. Con esta cantidade, contratáronse a outros 4 profesionais, o que permitiu incrementar o número de usuarios e ofrecer 6.000 horas de atención.  

Campos e Maseda tamén visitaron a outra usuaria do servizo de Teleasistencia que o Goberno da Deputación ofrece aos maiores dos municipios lucenses a custe cero porque a Teleasistencia da Xunta de Galicia, ademais de obrigar ao copago por parte dos usuarios, só atende ás persoas catalogadas como dependentes, deixando, polo tanto, a moitos veciños con necesidades reais excluídos. Neste senso, cómpre destacar que na Teleasistencia da Deputación son os técnicos sociais os que valoran a necesidade deste servizo á hora de seleccionar aos usuarios. Fano en visitas aos seus domicilios onde coñecen a situación persoal do demandante (idade, ingresos, apoios familiares, saúde, grao de discapacidade, se viven en zonas illadas, lonxe de núcleos poboacionais ou de difícil acceso... pois son os criterios sociais que se priman na concesión). No Valadouro, son 4 os veciños que contan coa Teleasistencia da Deputación.

Ademais dos servizos sociais, o Goberno da Deputación colaborou con 28.500 euros no financiamento de prestacións públicas doutra índole (deportiva, cultural, educativa...), que contribúen a dinamizar a vida no rural, pois ofrecen aos cidadáns distintas actividades, e do rural, pois tamén dinamizan a economía local. Así o fixo no Valadouro con, por exemplo, o Mercado Anual Tradicional de Primavera, que reúne unhas 5.000 persoas; iniciativas musicais, como a do Musical Arcadio Mon entre outras, ou a organización de rutas de rutas de sendeirismo, visitas culturais, actividades deportivas, como as das escolas municipais; de envellecemento activo, educativas, lúdicas...

Melloras nas dotacións públicas
Xunto á prestación de servizos públicos, a mellora do conxunto de dotacións públicas é outras das medidas do Goberno Provincial na busca da mellora da calidade de vida aos veciños a través dunha “Deputación coas persoas, social e rural”. Neste senso, o Presidente informou sobre o investimento de 135.000 euros, que o Executivo da Deputación achegou ao Valadouro para mellorar o conxunto das estradas do casco urbano, así como de zonas rurais. Campos e Maseda supervisaron o estado dos puntos nos que se vai a actuar e adiantaron os prazos de inicio destes traballos.   

Deste xeito, nos vindeiros días, con 56.000 euros de mencionado presuposto, o municipio vai a por en marcha un plan de mellora integral das estradas do casco urbano do Valadouro, que vertebran este Concello, conectan o centro con todas as saídas da localidade cara ás zonas rurais ou a outros municipios como o de Viveiro. As actuacións consisten na reposición da rede de abastecemento e da mellora do firme da Avenida Viveiro, Rúa Xistral, Avenida da Costa, Rúa Andrés López Palmeiro e Rúa Pardo de Cela. Benefician directamente aos 2.000 veciños do Valadouro.

Á espera de recibir o permiso correspondente da Xunta de Galicia, tamén se vai a iniciar o arranxo, con 79.300 euros de dita cantidade, de 13 estradas municipais en 6 parroquias, beneficiando, de xeito directo, aos case 1.200 habitantes que viven na zona. Son os camiños da Torre, As Leas, Camiño Santa Cruz, Igrexa de Recaré, Río Recaré, As Carballas, Pereiros-Calvelo, Circunvalacion Ferreira, Prados de Moucide, Lourido, depuradora Moucide, A Pedreira e Teixeda.

A este investimento en dotacións públicas, engádense os preto de 18.000 euros en melloras e equipamentos de centros sociais públicos; os 17.400 para melloras na rede de abastecemento; os case 24.000 euros do Plan de Aforro Enerxético, destinado á mellora do alumeado público, ou os 5.000 do Plan de TIC´s, entre outros.

Impulso ao emprego
A execución das citadas actuacións tamén contribúen ao impulso do emprego, outras das apostas do Goberno Provincial no rural. Neste senso, o Alcalde apuntou que esta mesma semana se celebrará o proceso de selección de alumnos da 1ª Escola Pública de Horticultura pública e gratuíta de Galicia, que puxo en marcha o Executivo da Deputación no Valadouro. Serán 5 as persoas que participarán no novo curso. Recibirán formación, asesoramento e realizarán prácticas para tentar abrir os seus propios negocios. Son preto de 30 as persoas que ata o de agora se formaron como emprendedores nesta escola. Algúns xa viven desta actividade profesional e outras están en pleno proceso de posta en marcha das súas iniciativas. Con cargo ao orzamento do 2016, o Goberno da Deputación achegou ao Valadouro case 30.000 euros para mellorar o material tecnolóxico desta escola pública e gratuíta.

A vindeira semana, adiantou tamén o Rexedor, o Valadouro seleccionará a 6 lucenses actualmente en paro para comezar a traballar no propio Consistorio e reforzar os servizos municipais aos veciños grazas ao DEPUEMPREGO, o plan de emprego do Goberno da Deputación nos Concellos. O Executivo Provincial achegou a este municipio 50.000 euros para asumir todos os custos laborais dos novos profesionais. Os postos que se ofrecen son os seguintes: 2 condutores, 2 albaneis para o servizo de obras municipal, 1 tractorista para o acondicionamento de pistas municipais; e 1 docente, que será o encargado de ofrecer cursos para todas as idades de, por exemplo, informática, galego ou novas tecnoloxías, entre outros.