Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación colabora coa promoción da IX Festa de Xogos Tradicionais de Muimenta

- García Porto e Vila López presentaron este xoves o evento que reunirá a máis de 3.000 persoas e que terá lugar o 3 de xuño no recinto feiral Manuel Vila de Cospeito - A Deputada de Cultura destacou que “estas iniciativas manteñen vivas costumes e xogos da nosa terra ao mesmo tempo que dinamizan a actividade e economía da vila” - Campionatos de bolos, de tiro á corda, de billarda ou de corte con tronzón, son só algúns dos preto de 100 xogos que se poderán practicar nesta IX edición da festa

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, presentou este xoves na Praza de San Marcos a IX Festa de Xogos Tradicionais de Muimenta, que organiza a Asociación de Xogos Tradicionais de Muimenta (Xotramu) e que terá lugar o 3 de xuño no recinto feiral Manuel Vila do Concello de Cospeito. Fíxoo xunto ao Presidente de Xotramu, Manuel Vila López; varios membros da xunta directiva e veciños do municipio, que realizaron exhibicións de varios xogos populares. O organismo provincial colabora con Xotramu coa promoción e difusión deste evento cultural e turístico pola provincia de Lugo.

García Porto convidou a todos os lucenses a achegarse durante o vindeiro sábado a Muimenta e subliñou que “dende o Goberno da Deputación colaboramos con esta festa co obxectivo de fomentar o noso patrimonio lúdico-cultural e dinamizar a actividade e economía da vila, pois espéranse a participación de máis de 3.000 persoas. Quero pór en valor este tipo de iniciativas que manteñen vivas costumes e xogos da nosa terra ao mesmo tempo que ofrecen unha programación extensa de distintas modalidades de xogos para todas as idades. Todos estes xogos lévannos aos nosos pais, aos nosos avós, e a tantos tempos de ledicia que compartimos a través destas actividades populares.”

A xornada comezará ás 10:30 horas no recinto feiral Manuel Vila e contará con máis dun centenar de xogos de enredo, campionatos de distintas modalidades de bolos, chave ou billarda. Ademais haberá competicións de peóns, de corte con tronzón, de tiro á corda e varias exhibicións de deportistas vascos de talla de madeira profesional.

Programación
- A Festa de Xogos Tradicionais comezará ás 10:30 horas coa apertura do recinto feiral.
- Ás 11:00 horas haberá Xogos Tradicionais infantís e o Campionato de bolos.
- Ás 12:30 horas, demostración de tallas de madeira con motoserra e corte de coche con brosa, impartida por Ernesto Ezpeleta.
- Ás 14:00 horas terá lugar o xantar.
- Ás 15:30 horas, celebrarase o Aberto da Billarda Filloa 2017, unha competición de xogos tradicionais aberta ao público, e unha demostración do corte dun tronco impartida por Aizkolari.

Xotramu
É unha asociación de Muimenta que ten como obxectivo a recuperación de xogos tradicionais. Dende o ano 2008, Xotramu organiza a xornada de xogos tradicionais no recinto Manuel Vila do Concello de Cospeito, que conta coa participación de asociacións de toda Galicia, Asturias e Portugal. Unha das metas da asociación é que a Festa de Xogos Tradicionais sexa declarada Festa de Interese Turístico Galego.