Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación colabora coa Asociación Española Contra o Cancro na súa campaña para recadar fondos para a investigación

- O Pazo de San Marcos acolleu unha das mesas de cuestación que a Asociación Española Contra o Cancro instalou ao longo do territorio español. Este ano, o obxectivo da campaña é visibilizar ás 40.000 persoas con cancro que viven soas
- Campos Conde subliñou que “na nosa aposta por facer desta Deputación unha Deputación coas persoas, colaboramos con todos os colectivos da provincia na loita contra esta enfermidade, entre eles a AECC e Somos Unidos Contra o Cancro”
- O Executivo Provincial concedeu unha axuda económica de 4.000 euros á delegación lucense da AECC para poñer en marcha un programa de atención integral ás persoas enfermas de cancro e aos seus familiares

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Vicepresidente, Manuel Martínez Núñez, e a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, participaron este xoves na tradicional campaña de cuestación que organiza anualmente a Asociación Española Contra o Cancro (AECC). Este ano, o obxectivo desta campaña é visibilizar ás 40.000 persoas con cancro que viven soas, coa instalación de 2.500 mesas distribuídas por todas as comunidades autónomas de España.

O Goberno da Deputación colabora con este colectivo, non só situando unha destas mesas no Pazo de San Marcos, senón tamén con achegas económicas de xeito anual. En efecto, no ano 2016, o Executivo Provincial concedeu unha axuda económica de 4.000 euros á delegación lucense da AECC para poñer en marcha un programa de atención integral ás persoas enfermas de cancro e aos seus familiares.

Campos Conde subliñou que “na nosa aposta por facer desta Deputación unha Deputación coas persoas, colaboramos con todos os colectivos da provincia na loita contra o cancro. Así, ademais do traballo conxunto que realizamos coa AECC tamén realizamos unha achega de 3.600 euros a Somos Unidos Contra o Cancro coa que financiamos o aluguer dun piso de acollida para persoas con este tipo de doenza”.

Campos Conde engadiu que “un de cada tres homes e unha de cada catro mulleres serán diagnosticados de cancro ao longo da súa vida. Porén, segundo datos da AECC, aproximadamente o 40% dos cancros poderíanse evitar levando un estilo de vida saudable. Por iso, é fundamental que todas as institucións colaboremos na súa prevención e investigación, especialmente dende o Goberno Central, xa que nos últimos anos recortou nun 60% os fondos dedicados á investigación”.

O cancro é unha das enfermidades máis prevalentes en España e na Unión Europea. É a primeira causa de morte no noso país: en torno a 100.000 defuncións ao ano, o que supón o 25% de todas as mortes. Estímase que cada ano rexístranse ao redor de 250.000 casos novos.