Deputación de Lugo

A IV Feira Medieval Guímara reunirá a preto de 400 persoas na Pobra do Brollón co apoio do Goberno da Deputación

- O evento, que terá lugar o sábado, conta coa colaboración do organismo provincial que achega 40.000 euros para a celebración desta cita e doutras actividades na vila como a XXV Feira do Viño ou o IV Festival de Música Tradicional as Cores de Outono
- García Porto subliñou que “investimos 330.000 euros para a realización de 71 eventos turísticos, feiras e mercados, en máis de 50 Concellos lucenses, cos que dinamizamos a vida dos nosos municipios, impulsando a economía e o turismo”
- A feira rememora o pasado medieval da Pobra do Brollón, unha vila con gran relevancia polo seu interese estratéxico e comercial ao ser cruce de camiños nunha vía xacobea secundaria. Haberá exhibicións, pasarrúas e actuacións musicais

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, xunto ao Alcalde da Pobra do Brollón, José Luís Maceda Vilariño, e o Concelleiro de Cultura, Ricardo Rodicio González, presentou este mércores a IV Feira Medieval do municipio, que financia o organismo provincial a través dunha axuda de 40.000 euros para a celebración deste evento, así como doutras actividades como a XXV Feira do Viño de Vilachá ou o IV Festival Música Tradicional as Cores de Outono.

García Porto subliñou que “a Feira Guímara rememora o pasado medieval da Pobra do Brollón, unha vila con gran relevancia polo seu interese estratéxico e comercial ao ser cruce de camiños nunha vía xacobea secundaria. Cómpre sinalar que na presente anualidade investimos 330.000 euros para a realización de 71 eventos turísticos, feiras e mercados, en máis de 50 Concellos lucenses, cos que dinamizamos a vida dos nosos municipios, especialmente no rural lugués, contribuíndo a impulsar a súa economía e incentivar o turismo. Non en vano, espérase que preto de 400 persoas se acheguen este sábado á Pobra para participar nesta feira medieval”.

A feira reconstrúe a revolta levada a cabo polas veciñas e veciños da Pobra do Brollón cando o Conde de Lemos quixo cobrar impostos nestas terras, sen ningún tipo de dereito, posto que a vila era xurisdición de reguengo, dependente directamente do monarca e polo tanto exenta de cargas feudais impostas polos señores nobres e eclesiásticos. Cóntase que os homes e mulleres de Brollón resistiron rexamente ás tropas do Conde pero ó fin este puido derrotar aos veciños da vila. A partir deste feito os habitantes da Pobra foron chamados Guímaros, que significa rudos, valentes e desconfiados.  

Programa de actividades
11:30 horas. Apertura da feira e pregón a cargo do guímaro José Morillo.
12:00 horas. Representación da Revolta Guímara levada a cabo polos veciños da Pobra.
12:30 horas. Exhibición de cetraría e demostración de oficios tradicionais.
13:00 horas. Pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Erbedo.
14:00 horas. Xantar popular.
16:00 horas. Concerto de arpa a cargo da artista Bleuenn Le Friec na igrexa da Pobra.
17:30 horas. Actuación de Peter Punk.
19:00 horas. Exhibición de cetraría.
19:30 horas. Demostracións de oficios tradicionais.
20:00 horas. Actuacións da Orquestra Pantasma.
21:30 horas. Actuación de percusión e zancudos.
23:00 horas. Fin de festa a cargo do grupo de espectáculos Troula.