Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación achega aos veciños de Navia de Suarna melloras de 1,9 millóns nun ano

- Son 350.000 euros do presuposto de 2016 os executados, 1,3 millóns para o centro de maiores -obras que se realizan tras contratalas nas pasadas semanas- e 300.000 euros do orzamento deste ano a través do Plan Único - O Presidente e o Alcalde supervisaron melloras de alumeados públicos, de estradas municipais e provinciais e duns 30 accesos a núcleos rurais, nos que viven 400 veciños - Campos e Fernández mantiveron un encontro con usuario do Servizo a Domicilio que ofrece o Goberno da Deputación a 17 maiores deste Concello porque a Xunta non o fai

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, informou este mércores sobre as melloras e dotacións de servizos públicos, que o Goberno Provincial achegou aos máis de 1.200 veciños deste municipio durante o último ano con 1,9 millóns de euros. Son 350.000 euros os executados do presuposto de 2016; 1,3 millóns, que se están a executar coa construción da residencia e centro de día, contratada nos pasadas semanas; e outros 300.000 euros do orzamento deste ano, outorgados a través do Plan Único. 

Campos e Fernández supervisaron os servizos públicos que se levaron a este municipio da Montaña cos 350.000 euros do presuposto de 2016. Esta cantidade, preto do 80% foron para a mellora de infraestruturas e dotacións públicas.

Deste xeito, mellorouse a rede de alumeado público na Praza de Navia, no Paseo do Río e no Barrio da Ponte, así como na Feria e no Castelo. Instaláronse uns 30 puntos de luz LED cos que, ademais de mellorar este servizo aos veciños de ditas zonas, reducirase en 3.700 euros ao ano a factura da luz. Están a piques de arrancar o acondicionamento do firme das rúas Rosalía de Castro e Curros Enríquez, que unen o caso urbano coa Ponte Romana e o Castelo. Tamén se arranxou a estrada de Muñís a Rao, que une este Concello con municipio de Castela e León.

En zonas eminentemente rurais, melloráronse os accesos a 30 núcleos poboacionais, nos que viven 400 persoas, entre os que se atopan os de Virigo e Acevedo, na parroquia de Vilarpandin; Murias e Traserra, na de Rao; ou Cernada, Tabillón e Trabadelo, na de Muñís. 

Emprego e Servizos Sociais
Tamén con cargo ao orzamento de 2016, preto de 40.000 euros foron para a xeración de novos postos de emprego cos que reforzar os servizos públicos municipais a través do DepuEmprego. No municipio, traballan 1 auxiliar administrativo e 1 peón condutor, cuxos custos laborais asume o Executivo da Deputación.  

Campos Conde e Fernández Fernández mantiveron hoxe unha xuntanza con estes  traballadores, así como con maiores do Concello aos que presta atención profesional o Goberno Provincial, con 24.500 euros, porque a Xunta non o fai. Son 17 veciños os que contan co Servizo a Domicilio para persoas non dependentes grazas á Deputación.

Centro de maiores
O Presidente e o Alcalde comprobaron o estado das obras de construción da residencia e centro de día público de Navia de Suarna, que constrúe o Goberno da Deputación con 1,3 millóns de euros, uns traballos contratados nas pasadas semanas. Con estas dotación, ofreceranse, a maiores lucenses, un total de 50 prazas de residencia e centro de día neste Concello da Montaña.

300.000 euros co Plan Único 2017
Campos Conde amosou a súa “satisfacción” polo conxunto de melloras de dotacións públicas en beneficio dos veciños de Navia de Suarna que se achegaron ata o momento, e destacou que “continuamos con este traballo de impulso dos servizos públicos, pois o primeiro orzamento do 2017 que achegamos ao Concello, e que é duns 300.000 euros, destinase ao reforzo de máis infraestruturas, dotacións públicas, servizos sociais e emprego”.