Deputación de Lugo

Besteiro consolida a Lara Méndez como Vicepresidenta 2ª e nomea a Manolo Martínez e Pilar García voceiros na Deputación

O organismo provincial incorpora por vez primeira a figura de Vicevoceira que será desempeñada pola Deputada socialista do partido xudicial de ChantadaA finais desta semana serán públicos os nomes dos Deputados responsables das áreas, varias delas de nova creación, coas que o equipo de goberno responderá ós novos retos da provincia como o despoboamento demográfico ou as enerxías renovables

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este luns que, tras a xuntanza mantida esta mañá co Partido Socialista, Lara Méndez consolídase como Vicepresidenta Segunda do organismo provincial para os vindeiros catro anos, de modo que a Deputada mariñana revalida o cargo por segundo mandato consecutivo. Despois de dirixir programas tan importantes para a Deputación e os Concellos como a implantación da administración electrónica a través do “Innova-TE, os primeiros programas de axuda ós autónomos ou o “Pacto Provincial polo Emprego”, Gómez Besteiro destacou que “Lara Méndez desempeñou un bo traballo no anterior mandato”, polo que a representante do partido xudicial de Mondoñedo repetirá no cargo.

Asimesmo, o máximo mandatario provincial avanzou que Manolo Martínez será o voceiro do PSOE na Deputación e Pilar García Porto desempeñará o cargo de Vicevoceira. Deste xeito, o equipo de goberno incorpora por primeira vez esta figura co obxectivo de impulsar con forza as novas liñas de traballo da Deputación, dando resposta ós retos actuais que afronta a provincia como son o despoboamento demográfico, a ampliación da banda longa xunto á administración electrónica, as enerxías renovables ou o aforro enerxético, entre outras. O Presidente afirmou que “hoxe damos un paso máis na conformación do goberno. Hoxe enviaremos esta comunicación ó servizo de Actas da Deputación confirmando as novas designacións”.

Deputados para as novas áreas

O Presidente adiantou que a finais desta semana coñeceranse os nomes dos Deputados que xestionarán as diferentes áreas que conforman o goberno provincial e que foron presentadas o pasado sábado, prestando especial atención a un aspecto totalmente novidoso como é a demografía. A institución luguesa converteuse na primeira administración galega e pioneira en España na creación dunha área específica. As áreas non aumentan en número, seguirán sendo oito -6 do PSOE e 2 do BNG, como no mandato iniciado no 2007-, pero inclúen destacadas innovacións.

Ademais da Presidencia, que a maiores das competencias sobradamente coñecidas, comprende responsabilidades como: a Oficina de Planificación estratéxica (execución do 1º Plan Estratéxico Provincial, unidade de proxectos, etc); Comunicación; Atención ó cidadán; Protocolo; Parque Móbil; dirección da Fundación TIC e as accións coa comunidade exterior, existirán as seguintes áreas, que experimentan unha profunda renovación:

1.- Área de Emprego, Economía Sostible e Demografía. Esta divídese en:

a) Medio Ambiente e Enerxías renovables (comercialización de productos autóctonos, Axencia provincial da enerxía, etc).
b) Economía do coñecemento, emprendedores e innovación (administración electrónica, centros como o de Innovación Social, a oficina de asesoramento ós emprendedores, etc).
c) Economía Rural e do Mar (Granxa Gayoso Castro, liñas de colaboración co medio rural e mariño, etc).

2ª.- Área de Cooperación e Asistencia ós Concellos. Profundizará nas liñas iniciadas no anterior mandato que ademais aforraron cantidades contiosas ós municipios.

3ª.- Economía, Recadación e Facenda. Recadación cambia neste mandato de Cooperación cos Concellos para Economía e Facenda, por motivos de eficiencia e racionalización.

4ª.- Goberno interior. O antigo concepto de Recursos Humanos da un salto cara un novo concepto: o de goberno interior.

5ª.- Xestión Territorial. O antigo departamento de Obras e Infraestruturas da un salto cualitativo cara a xestión territorial, un concepto máis completo.

6ª.- Deseño e Artesanía (CENTRAD). Anteriormente dependente do INLUDES, asume e amplía a súa parte de Deseño.

7ª.- Cultura, Turismo, Ensino, Normalización Lingüística e Patrimonio Histórico, que xestionará Mario Outeiro.

8ª.- Benestar Social, Deporte, Igualdade e Mociedade, que dirixirá Antonio Veiga.