Deputación de Lugo

107 lucenses acudiron a doar sangue con motivo da campaña promovida pola Deputación e o CB Breogán

- Entre os días 22 e 24 de febreiro a unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue percorreu diferentes puntos da provincia, ata os que se achegaron a doar máis dun centenar de persoas, nove dos cales realizaban este acto por primeira vez
- En total repartíronse 214 entradas para o partido do club celeste ante o CB Prat do sábado, cuxo custe asume o organismo provincial, dentro do contrato de patrocinio que ambas entidades asinaron a promoción da provincia e o impulso da integración social, igualdade, solidariedade, compañeirismo ou superación a través do baloncesto

Máis dun centenar de lucenses acudiron a doar sangue á unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, así como ao punto fixo de doazón do Hospital Lucus Augusti, entre os días 22 e 24 de febreiro, con motivo da campaña de concienciación social promovida pola Deputación, en colaboración co CB Breogán.

Os Deputados Provinciais, Pablo Rivera Capón, Eduardo Vidal Baamonde e Sonsoles López Izquierdo, xunto con membros do corpo técnico e da directiva do club lucense, aproveitaron esta campaña para doar sangue na visita que a unidade móbil da ADOS realizou ata a Praza de Bretaña, na capital luguesa.

En total rexistrouse a participación activa de 107 cidadáns, dos cales nove realizaban por primeira vez unha doazón de sangue. Cada persoa que aportou o seu gran de area recibiu como agasallo dúas entradas para presenciar o partido que o Breogán disputou ante o CB Prat o pasado sábado. Así, repartíronse 214 entras, cuxo custe asume o organismo provincial, dentro do contrato de patrocinio que ambas entidades asinaron a promoción da provincia e o impulso da integración social, igualdade, solidariedade, compañeirismo ou superación a través do baloncesto.

Ademais, entre as persoas que se achegaron a doar sangue, tanto na unidade móbil como no punto fixo de doazón de ADOS situado no Hospital Lucus Augusti, sortearanse camisetas co lema “Doa Sangue” asinadas por todos os xogadores do Club Baloncesto Breogán.

Próximos desprazamentos na provincia
A unidade móbil de ADOS desprazarase este venres a Foz para situarse a carón do Concello, de 16:30 a 21:00 horas. O vindeiro luns, estará no fondo da Praza Maior de Lugo, de 15:30 a 21:00 horas; o martes no aparcamento da Facultade de Maxisterio, de 09:30 a 14:30 horas, e no fondo da Praza Maior de 15:30 a 21:00 horas; o mércores, no aparcamento diante das facultades de Enfermería, Humanidades e Relacións Laborais, de 09:30 a 14:30 horas e de 15:30 a 21:00 horas; o xoves e o venres, na parte de abaixo da alameda de Vilalba, de 16:00 a 21:00 horas; e o sábado, na explanada fronte ao colexio de Abadín, de 10:30 a 12:00 horas, e diante do Concello de Trabada de 12:30 a 14:30 horas.

Punto de doazón de sangue en Lugo
Ademais das unidades móbiles, ADOS dispón de sete puntos fixos de atención permanente ao doador de sangue emprazados nas sete grandes cidades galegas. En Lugo este punto sitúase no Hospital Lucus Augusti (cuarto andar, fronte as escaleiras mecánicas do acceso principal), e ten un horario de inverno (de outubro a marzo) de 8:00 a 22:00, os luns e os venres, e de 8:00 a 15:00, os martes, mércores e xoves. O horario de verán (de abril a setembro) é de 8:00 a 15:00 horas de luns a venres. As doazóns de sangue recollidas nas unidades móbiles e nos locais de doazón envíanse a diario ao Centro de Transfusión de Galicia (CTG), situado no campus universitario de Santiago, para o seu procesamento, análise e conservación.