Deputación de Lugo

​ A Deputación esixe á Xunta e ao Goberno Central medidas urxentes contra a praga da pataca

Imaxe deputación de lugo
- O Pleno aprobou por unanimidade a moción do PSOE, que incorporou as peticións de PP e BNG,  para demandar ás administracións competentes indemnizacións para os afectados - Ínstase á Xunta a dispor da partida orzamentaria suficiente para indemnizacións e un Plan de investigación científica - Aprobada por unanimidade a proposta do PSOE que solicita á Xunta que oficialice unha das variantes máis antigas do Camiño do Norte: a Vía Rexia

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou por unanimidade a proposta do Grupo Provincial Socialista, que incorporou as peticións do PP e do BNG, para esixir á Xunta de Galicia e ao Goberno Central, administracións competentes nesta materia, medidas urxentes contra a praga da pataca. A proposta aprobada reclama á Xunta dispoñer dunha partida orzamentaria para proceder ás oportunas indemnizacións que se deriven da campaña de erradicación. A maiores solicita á Xunta un Plan de investigación científica, xunto cun Plan de indemnizacións aos agricultores e comercializadores afectados.

Segundo consta na Resolución do DOG publicada o 6 de febreiro, esta praga amplíase aos seguintes municipios da provincia de Lugo: O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Abadín, A Pastoriza, Riotorto e A Pontenova .

Os agricultores sofren inseguridade xurídica
Así as cousas, constátase que a xestión da praga por parte da Consellería de Medio Rural non foi eficaz, xa que en vez de reducirse, vai en aumento. Concretamente hai un risco de afectación, non só de explotacións dedicadas ó autoconsumo, senón tamén a explotacións produtoras-comercializadoras e á zona de IXP Pataca de Galicia. Os agricultores sofren unha grave inseguridade xurídica xurdida polo anuncio da redacción do Real Decreto. Por iso é fundamental dotar orzamentariamente unha partida para cubrir as indemnizacións futuras.

Recoñecemento oficial da Vía Rexia
O Pleno da Deputación aprobou por unanimidade a moción do Grupo Provincial Socialista para demandarlle á Xunta de Galicia o recoñecemento oficial a todos os efectos da “Vía rexia do Norte” como ruta histórica de peregrinación a Compostela, dentro do Camiño de Santiago Norte. O Deputado de Turismo e Cultura, Eduardo Vidal Baamonde, sinalou que esta moción está en consonancia cos acordos plenarios tomados polos Concellos polos que discorre este camiño e que “a recuperación da ruta, documentada como a máis antiga e verosímil, constitúe unha débeda que temos que saldar as institucións”.  

O Pleno tamén acordou demandarlle ao goberno autonómico o apoio para a posta en marcha doutros dous itinerarios que complementan o Camiño de Santiago e contribúen a crear unha encrucillada cultural de itinerarios históricos: o “Camiño Natural Interior de San Rosendo” e a “Ruta do Císter Galego”.  Ademais, decidiuse que a Deputación active un protocolo de coordinación intermunicipal para recuperar este proxecto nos concellos lucenses.