Deputación de Lugo

Aberto o prazo da selección de empresas lucenses para contratar 40 mozos do LUGOWORK con axudas de 168.000 euros

- As entidades da provincia interesadas poden facer a súa solicitude ata o 28 de maio a través de www.deputacionlugo.gal, onde se atopan as bases deste proceso público
- As beneficiadas terán axudas de 4.200 euros para os custos laborais durante 6 meses dos 40 rapaces que recibiron formación sobre vendas online e atención ao público; xestión informática e internet para PEMES; e uso de maquinaria forestal
- Campos Conde mantivo este martes un encontro con algúns dos 94 mozos lucenses que iniciaron as 6 novas accións formativas do LUGOWORK postas en marcha

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, avanzou este martes que está aberto o prazo de selección de empresas lucenses, que recibirán un total de 168.000 euros para a contratación dos 40 mozos que remataron con éxito a fase de formación do LUGOWORK. As entidades interesadas poden facer a súa solicitude ata o 28 de maio incluído. Toda a información sobre as bases deste proceso, publicado no BOE, e o enlace directo para facer a solicitude telematicamente, atópanse nun espazo habilitado en www.deputacionlugo.gal.

Estes 40 mozos lucenses menores de 30 anos son os que concluíron as seguintes 3 accións formativas: “Auxiliar de vendas Online e Atención ao Público”; “Auxiliar de Xestión Informática e Internet para PEMES” e “Emprego eficiente e uso de maquinaria para o aproveitamento forestal”.

As empresas da provincia que resulten beneficiadas recibirán axudas de 4.200 euros cos que asumir os custos laborais durante 6 meses dos novos traballadores. Na selección, valoraranse criterios sociais, puntuando, favorablemente, a contratación a tempo completo, ao maior número de rapaces ou a aqueles con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral, o desenvolvemento da profesión para a que recibiron formación especializada, así como os proxectos que favorezan o medio ambiente.

O Goberno a Deputación asume cun total de 2 millóns de euros que captou da Unión Europea a través da Escola de Organización Industrial tanto a formación dos rapaces como as axudas ás empresas para a súa contratación.

Outros 94 mozos e 6 novos cursos
Con este presuposto, o Executivo Provincial puxo en marcha outras 6 accións formativas, nas que participan outros 94 mozos lucenses menores de 30 anos, inscritos no Rexistro de Garantía Xuvenil, e actualmente no paro. Campos Conde mantivo este martes un encontro con 15 destes rapaces que participan nun deste curso, o de Socorrismo en espazos acuáticos naturais, impartido pola Cruz Vermella e con práctica nas piscinas do no Club Fluvial de Lugo.

As novas 6 accións formativas que arrancou o Goberno da Deputación a través do LUGOWORK, o seu plan de emprego xuvenil na provincia, son as seguintes:

1.- Auxiliar de Xestión Informática e Internet para PEMES, no que participan 15 lucenses. É impartido por AGESTIC na cidade de Lugo. O Goberno da Deputación decidiu reeditar este curso xa que, tanto os alumnos como o propio mercado, amosaron un grande interese en ofrecer formación en novas tecnoloxías para poder aplicar, nas empresas lucenses, ferramentas informáticas coas que crear valor engadido.

2.- Aplicacións e Manexo de Sistemas Aéreos non Tripulados – Drons. Hai 2 cursos sobre Drons debido a gran demanda. Nestes participan 34 lucenses. Son impartidos en Lugo por profesionais do aeroclub de rozas. Con esta acción formativa, o organismo provincial cubre a necesidade de formación nun dos nichos de mercado en expansión con máis posibilidades de crecemento.

3.- Socorrismo en instalacións acuáticas. Esta acción formativa é impartida pola Cruz Vermella e ten lugar nas instalacións desta organización na capital lucense e no Club Fluvial de Lugo. Con este curso, os 15 participantes adquirirán unha axeitada preparación física e técnica no medio acuático para poder traballar como socorristas en piscinas.  

4.- Socorrismo en espazos acuáticos naturais.  Esta acción formativa tamén a imparte a Cruz Vermella e ten lugar nas súas instalacións na capital luguesa e na do Club Fluvial. Con este curso, outros 15 rapaces adquirirán unha adecuada preparación física e técnica para poder traballar como socorristas en praias ou ríos. Coñecerán, por exemplo, as técnicas de salvamento, reanimación e prestación de primeiros auxilios ás vítimas de accidentes ata a chegada dos profesionais sanitarios. Campos Conde coñeceu hoxe aos participantes neste curso.

Os participantes nestas 5 accións formativas que as rematen con éxito poderán ser contratados posteriormente en empresa lucenses, que recibirán axudas do Goberno da Deputación de 4.200 euros para os seus custos laborais durante 6 meses. Así o van a facer as que resulten beneficiadas do proceso público aberto actualmente para a inserción laboral dos 40 mozos que concluíron os 3 cursos do LUGOWORK que xa se celebraron.
 
5.- Emprendemento. Este curso, no que participan 15 persoas, está dirixido a aqueles mozos que teñen unha idea de negocio e queren montar a súa empresa. Os participantes teñen un titor asignado que os asesora en aspectos coma o modelo de negocio ou estratexias de vendas, entre outros.

Neste caso, unha vez que rematen a formación con éxito, os mozos recibirán directamente axudas de ata 3.000 euros do Goberno da Deputación para poder abrir os seus propios negocios.