Deputación de Lugo

Adxudicados os primeiros traballos para a construción do centro de maiores público da Deputación en Becerreá

- Trátanse dos traballos de demolición do antigo Fogar Escola, dotados con 70.000 euros, que comezarán logo da Semana Santa. O prazo de execución é dun mes
- Santos Ramos subliñou que “é unha dotación moi demandada polos veciños que prometeu Feijóo antes das eleccións autonómicas pero que, 8 anos despois, non fixo”

O voceiro do Executivo Provincial, Álvaro Santos Ramos, informou este venres que a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación dos primeiros traballos para a construción da residencia e centro de día público da Deputación no Concellos de Becerreá.   
 
Santos Ramos explicou que “son traballos de 70.000 euros, que consisten na demolición da antiga Escola Fogar e acondicionamento da parcela onde se sitúa, na Rúa Ancares 83, e onde construiremos o centro de maiores. Estas actuacións comezarán despois da Semana Santa e terán un prazo de execución dun mes”. 

“O centro de maiores de Becerreá é dunha dotación social moi demandada polos veciños dende hai anos. No 2009, Feijóo comprometeuse publicamente a executala dende a Xunta. Por este motivo, o Concello puxo a disposición do Goberno galego os terreos e o proxecto de construción, que asumimos dende a Deputación con 100.000 euros. Pero, 8 anos máis tarde, Feijóo non fixo nada máis que incumprir cos lucenses”.

Deputación e Concello de Becerreá, que sempre defenderon esta dotación social, asumen a súa construción en 4 anualidades: 

  • O organismo provincial ten comprometidos 103.700 euros do orzamento de 2016, dos que, finalmente, tras as baixas na contratación, se empregan 70.000 euros (son os traballos adxudicados hoxe); 2 millóns de euros este ano, 2 millóns no 2018, e unha última achega no 2019 de 1 millón.
  • O Concello achega 150.000 este ano; 100.000 no 2018 e 50.000 no 2019. Ademais, cede a parcela da rúa Ancares 83.

Logo do remate os traballos de demolición e adecuación do terreo, que previsiblemente será cara maio, o Goberno da Deputación iniciará o proceso de contratación do proxecto de construción do centro de maiores. Estas instalacións ofrecerán un mínimo de 96 prazas na residencia e 40 no centro de día.