Deputación de Lugo

A Capela de Santa María acolle a mostra URPHÄNOMEN de Sara Coleman, a nova mostra do CENTRAD da Deputación

- A exposición afonda na relación entre a arte, o deseño textil e a arquitectura, entendendo a arquitectura como proxección do corpo e o téxtil como interface - García Porto subliñou que “buscamos converter á Capela nun espazo para acoller proxectos que reflictan as preocupacións e inquedanzas dunha xeración comprometida e ben cualificada” - A mostra estará exposta na Capela ata o 28 de maio, de luns a venres de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, inaugurou este martes URPHÄNOMEN, de Sara Coleman, a nova exposición que o CENTRAD da Deputación leva á Capela de Santa María. Na inauguración participaron a autora da mostra, Sara Coleman, e a violonchelista, Macarena Montesinos.

A exposición, na que autora afonda na relacións existentes entre a arte, o deseño textil e a arquitectura, estará exposta na Capela ata o vindeiro 28 de maio, de luns a venres de 10:30 a 14:00 horas, e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas.

García Porto apuntou que “buscamos converter á Capela nun espazo que poida acoller proxectos que reflictan as preocupacións e inquedanzas dunha xeración comprometida e ben cualificada, que está a desenvolver proxectos que significan unha oportunidade para introducir os valores e linguaxe da artesanía noutros sectores profesionais como a arte, a comunicación, a arquitectura, o interiorismo, o deseño de moda, o deseño de produto, e o mundo empresarial”.

Urphänomen
Urphänomen, que se podería traducir como fenómeno orixinario, afonda nas relacións que se establecen entre corpo, materia e espazo; entendendo a arquitectura como proxección do corpo e o téxtil como interface, esta obra recolle as relacións que se dan entre o “hábito” e o “hábitat”. Xorde así un xogo no que a arquitectura convértese en corpo e o corpo en arquitectura, nunha simbiose corporal-arquitectónica, onde o material téxtil sitúase como membrana, como epidermis.

Workshop de experimentación textil
A intervención complétase cun workshop de experimentación textil que permitirá profundizar nas relación entre a arte, o deseño e a arquitectura, e xerar unha nova visión no textil, sinalándoo como material creativo e sensitivo que abre un novo campo para a experimentación de técnicas e procesos, onde o textil se sitúa como nexo fundamental. A experiencia levaráse a cabo os días 20 e 21 de maio nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño e está dirixida a creativos de calquera das ramas relacionadas co arte e o deseño: deseñadores de moda, interioristas, escaparatistas, escenógrafos, artistas e artesáns que queiran desenvolver o seu traballo por medio de técnicas textis.

Sara Martínez “Coleman”
Sara Martínez, máis coñecida por Sara Coleman, é técnica superior en Artes Plásticas e Estilismo de Indumentaria, Másters en Xestión de Moda, Experta Universitaria en Formación, Cultura e Xestión de Moda, e Ilustración Experimental na Central Saint Martins. Técnica en Patronaxe e Escalado Industrial, Deseñadora de Vestiario para Artes Escénicas e Grado en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Realizou talleres de investigación e experimentación en técnicas téxtiles con Kei Ito, Teresa Rosa Aguayo, Elisabeth Salgado. Ao longo da súa carreira profesional traballou como deseñadora e patronista para diversas empresas do sector téxtil como Roberto Verino, Bershka ou Gingo Biloba entre outras, ao mesmo tempo que realizaba colaboracións como deseñadora de vestiario para Artes Escénicas.

No ano 2007 fundou a súa propia marca de moda Sara Coleman Organic Desing e desde entón e ata o día de hoxe ven presentando as súas coleccións de moda na pasarela Mercedes Benz Fashion Week e outras feiras internacionais, incorporando asiduamente traballos e colaboracións con artesáns.

Na actualidade colabora como docente e directora de proxectos fin de carreira en ESDEMGA (Escola de Estudios Superiores en deseño Téxtil e Moda de Galicia) da Universidade de Vigo, ao tempo que imparte conferencias e workshops sobre Creatividade, Deseño e Experimentación, e avanza no desenvolvemento de proxectos persoais no ámbito artístico centrada neste momento nas relacións entre a escultura e a arquitectura.