Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación mobiliza a 44 operarios e 21 máquinas para atender as incidencias por neve

O Goberno da Deputación mantén activado o protocolo de actuación de viabilidade invernal debido á alerta laranxa que traerá cotas de neve en municipios da Montaña lucense durante o día de hoxe. Para garantir o tráfico rodado e a seguridade nas estradas provinciais, o organismo provincial mobilizou a 44 operarios e 21 máquinas para atender ás posibles incidencias. Nestes momentos todas as estradas da rede viaria provincial están abertas ao tránsito.

O protocolo comezou este venres e afectará aos Concellos de: A Fonsagrada, Ribeira de Piquín, Negueira de Muñiz, Navia de Suarna, Becerreá, Cervantes, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Incio, Samos, Triacastela, Quiroga, Ribas de Sil, Ourol e Muras. Nestes momentos, todas as estradas da rede viaria provincial están abertas ao tránsito.

Para garantir a viabilidade nestes 16 Concellos empregaranse 12 máquinas quitaneves con coitela e saleiro, 6 Pick Up de intervención rápida e 3 vehículos de apoio para a retirada de árbores e materiais das estradas. O Servizo de Vías e Obras permanecerá operativo as 24 horas durante esta xornada.

Dende o Servizo de Vías e Obras recomendan a todos os usuarios a circular con precaución, e aconsellan que non se aparque nas marxes da estrada LU-P-651, dende Pedrafita a Samos, xa que os usuarios que se achegan a estes municipios a gozar da neve poden obstaculizar a circulación neste tramo. Cómpre sinalar que en Pedrafita do Cebreiro, ao carón do Concello, hai habilitados aparcamentos para os visitantes.