Deputación de Lugo

Máis de 35 colectivos da Mariña participan na Mesa de Turismo organizada polo Goberno da Deputación

- Vidal Baamonde destacou a gran acollida da convocatoria e cualificou a sesión de “moi participativa”, pois acudiron Alcaldes ou representes de todos os Concellos da comarca, así como distintos profesionais do sector turístico desta zona- A de Burela foi a primeira de 5 mesas de traballo nas que están chamados a participar 200 colectivos da provincia. O seguinte encontro será o xoves, en Vilalba, coa participación de 20 asociacións e de membros dos municipios da Terra Chá - Esta iniciativa forma parte do Plan Estratéxico de Turismo, que se presentará no mes de xuño, establecendo liñas de actuación a desenvolver polos sectores público e privado para converter Lugo nun destino turístico de referencia no país
O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, participou esta mañá en Burela, xunto cos representantes de 35 colectivos da Mariña, na mesa de traballo sobre o sector turístico, organizada polo Goberno provincial no marco da preparación do seu Plan Estratéxico de Turismo. Vidal Baamonde cualificou a sesión de “moi participativa” e destacou a gran acollida que recibiu o encontro, no que interviñeron Alcaldes ou representantes de todos os Concellos desta Comarca, profesionais dos museos, das oficinas de turismo, dos clubs naúticos e das asociacións culturais e de empresarios.

Os participantes tiveron a oportunidade de dar a coñecer as súas propostas a través da aplicación de tres dinámicas de grupo, unha centrada no conxunto da provincia e outras dúas dedicadas ao xeodestino Mariña Lucense. Entre os temas abordados, destacaron a necesidade de conseguir a colaboración conxunta das institucións públicas e privadas para impulsar o sector turístico e o grande potencial da Mariña Lucense, do que remarcaron recursos concretos como a Praia das Catedrais, a Catedral de Mondoñedo ou os produtos gastronómicos.

Logo da celebración desta mesa de traballo en Burela, o seguinte encontro terá lugar en  Vilalba, o xoves 9 de marzo, coa colaboración doutros 20 colectivos e de todos os Concellos incluídos no xeodestino da Terra Chá. As mesas de traballo sobre o sector turístico completaranse cos encontros de Lugo e Pedrafita do Cebreiro, os días 14 e 16 de marzo, respectivamente. E finalmente coa mesa de Monforte de Lemos, o día 21.

Estas iniciativas forman parte da preparación do Plan Estratéxico de Turismo da Deputación, un plan elaborado con metodoloxías participativas, que inclúe a celebración de 5 mesas de traballo coa participación de 200 entidades de toda a provincia. Ademais, contempla a realización de 20 entrevistas en profundidade con expertos e a distribución de enquisas en liña a 40 colectivos do sector turístico. O obxectivo de todas estas accións é recadar datos e propostas para incorporar ao plan.

Orzamento
O Plan Estratéxico, que está previsto que se presente en xuño, establecerá as liñas e as actuacións prioritarias en materia turística ata o 2020. O Executivo destinará un orzamento, nesta anualidade, de 400.000 euros para executar as primeiras accións. A maiores, na proposta de orzamento presentada hoxe polo Presidente inclúense outras partidas, sumando 1 millón de euros para o impulso do turismo na provincia.