Deputación de Lugo

Deputación e CB Breogán únense á campaña #CierraUNICEF para recadar fondos a favor da infancia

- O vindeiro encontro do equipo celeste no Pazo dos Deportes estará dedicado a difundir esta campaña co obxectivo de lograr unha gran mobilización de cidadáns, empresas e administracións para seguir poñendo en marcha programas infantís - López Izquierdo subliñou que “animarase aos asistentes a aportar o seu gran de area mediante un donativo a través do teléfono 900 907 133, ou ben enviando un SMS co texto UNICEF ao 2802. Tamén se ofrecera a posibilidade de facerse socio da entidade” - Esta iniciativa enmárcase dentro do contrato de patrocinio que o CB Breogán e a Deputación asinaron para a promoción da provincia e o impulso da integración social, igualdade, solidariedade, compañeirismo ou superación a través do baloncesto

A Deputada de Benestar, Sonsoles López Izquierdo, xunto á Presidenta do Comité de Galicia de UNICEF, Myriam Garabito, e o Presidente do CB Breogán, Jesús Lázare Rincón, presentou este luns unha nova campaña de concienciación social, enmarcada dentro do contrato de patrocinio asinado polo club celeste e a Deputación para a promoción da provincia e o impulso da integración social, igualdade, solidariedade, compañeirismo ou superación a través do baloncesto.

López Izquierdo adiantou que “o vindeiro encontro do CB Breogán no Pazo dos Deportes, o sábado 8 de abril ás 19:15 horas, estará dedicado a difundir a campaña #CierraUNICEF, co obxectivo de recadar fondos a favor da infancia. Deste xeito, animarase a todos os asistentes a aportar o seu gran de area mediante un donativo a través do teléfono 900 907 133, ou ben enviando un SMS co texto UNICEF ao 2802. Ademais, antes do comezo do encontro haberá voluntarios nas instalacións do Pazo ofrecendo a posibilidade de facerse socios desta entidade”.

#CierraUNICEF
Nos seus máis de 70 anos de historia UNICEF contribuíu a mellorar a situación de millóns de nenos en todo o mundo e a conseguir logros que parecían imposibles. Con todo, en 2017 segue habendo realidades inaceptables como 50 millóns de nenos que sofren desnutrición aguda ou 61 millóns que non van á escola.
 
Por iso UNICEF Comité Español lanza a campaña #CierraUNICEF. Se algún día se lograse ese peche significaría que ningún neno morrería de fame, de frío, ou debido a enfermidades que se poden prever como unha simple diarrea.
 
O obxectivo da campaña é lograr unha gran mobilización de cidadáns, empresas e administracións para conseguir os fondos necesarios que permitan seguir poñendo en marcha programas a favor da infancia e, entre todos, lograr un mundo mellor para todos os nenos. A Deputación e o CB Breogán, a través do contrato de patrocinio que asinaron, súmanse a esta campaña para contribuír deste xeito a que un día UNICEF non sexa necesario.