Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación solicita 1,4 millóns á UE para medidas de aproveitamento sostible na Serra do Xistral

- Deuse conta á Xunta de Goberno da superación da 1ª fase desta concorrencia polo que acordou achegar máis de 200.000 euros da Deputación para continuar coa mesma - O voceiro explicou que a institución lidera a solicitude ao programa Life In Common Land, ao que se sumaron 12 Concellos e as Universidades de Santiago e A Coruña - Santos Ramos explicou que se busca acadar a máxima rendibilidade agrogandeira e forestal dun espazo de 22.000 hectáreas que é Rede Natura e Reserva da Biosfera - “Este proxecto vai en consonancia co que sempre defendemos dende o PSOE, pois non se pode delimitar un territorio sen implantar medidas de desenvolvemento e convivencia da actividade humana e económica, que fagan fronte ademais ao despoboamento”

O voceiro do Goberno Provincial, Álvaro Santos Ramos, informou este venres que a Deputación de Lugo está a liderar a prestación da candidatura ao programa comunitario Life In Common Land para acadar 1,4 millóns de euros da Unión Europea co obxectivo de acadar a máxima rendibilidade do territorio que se inclúe na Serra do Xistral, respectando a súa conservación.

Santos Ramos explicou que o organismo provincial concorre a estes fondos xunto aos 12 Concellos que forman parte deste espazo, que son os de Abadín, Alfoz, Mondoñedo, Muras, Ourol, O Valadouro, Vilalba, Xermade, Xove, Viveiro e Cervo, ademais das Pontes; así como coas Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña.  

A Deputación superou a primeira fase de concorren a este proxecto e así se deu conta á Xunta de Goberno deste venres, que tamén acordou, como requisito para poder continuar con esta candidatura, achegar máis de 200.000 euros de fondos propios do organismo provincial, que se sumarían aos 1,4 millóns da Unión Europea, e que permitirían desenvolver o proxecto da institución, no caso de ser finalmente aprobado.

22.000 hectáreas protexidas
Hai que ter en conta que o territorio da Serra do Xistral, no que se inclúen 12 Concellos e que conta cunha extensión de 22.000 hectáreas; está catalogado como Rede Natura 2000, sendo, ademais, zona núcleo da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Por este motivo, existen limitacións en canto a súa xestión para garantir a conservación deste espazo natural. “Este proxecto entra en consonancia co plantexamento que sempre defendemos dende o PSOE, cando se definiron as zonas da Rede Natura. Temos que protexer os nosos espazos naturais, pois é unha oportunidade económica para o territorio, pero isto debe ir aparellado da implantación de medidas que favorezan o desenvolvemento e a convivencia da actividade económica e humana, facendo fronte, ademais, ao despoboamento demográfico”, destacou o voceiro.

Santos Ramos apuntou que precisamente “o que buscamos co noso proxecto é acadar a máxima rendibilidade deste territorio, implicando, directamente no seu desenvolvemento, aos veciños que viven na zona e da zona. É dicir, principalmente, aos profesionais dos sector agrogandeiro e forestal. Xuntos queremos facer unha xestión mancomunal do territorio e implantar sistemas agrarios de alto valor natural, que permitan o máximo aproveitamento desta zona, respectando a súa conservación”.

Participación veciñal
O Goberno da Deputación fará partícipes aos veciños dos 12 Concellos para que trasladen as súas dificultades en canto ao desenvolvemento da súa actividade profesional no eido agrario, gandeiro e forestal. Xuntos (Deputación de Lugo, Universidades, Concellos e veciños) definirán as accións a levar a cabo, que pasarán, por exemplo, pola ordenación de 8 montes veciñais, que contarán con plans de xestión; pola celebración de actividades formativas sobre técnicas de xestión sostible ou polo traslado de especies foráneas. “Tratamos, en definitiva, de acadar a máxima rendibilidade a un espazo protexido de 22.000 hectáreas, respectando a súa conservación, co obxectivo de favorecer a actividade agrogandeira e forestal dos veciños desta zona”, remarcou.