Deputación de Lugo

A Deputación e o CB Breogán promoven a labor da Asociación de Párkinson Lugo no partido de mañá

- Durante o encontro do martes no Pazo dos Deportes entre o CB Breogán e o CB Clavijo repartirase información entre o público asistente sobre o traballo que leva a cabo esta asociación na provincia e convidarase a asistir de balde aos seus membros - Rivera Capón subliñou que “a Asociación de Párkinson Lugo supón un soporte fundamental para o enfermo e para a súa familia; é un lugar onde compartir con outras persoas as súas experiencias e unha forma de traballo en grupo fronte á enfermidade” - A Deputación colabora coa Asociación de Párkinson Lugo mediante unha axuda anual de 4.000 euros para o seu programa de atención aos doentes. Esta enfermidade afecta a máis de 2.000 persoas na provincia de Lugo

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto á Presidenta da Asociación de Párkinson de Lugo, Rosa Fariñas Fernández, a Vicepresidenta, María Fe Santoalla Bargados, e o Presidente do CB Breogán, Jesús Lázare Rincón, presentaron este luns unha nova campaña de concienciación social, enmarcada dentro do contrato de patrocinio asinado polo club celeste e a Deputación para a promoción da provincia e o impulso da integración social, igualdade, solidariedade, compañeirismo ou superación a través do baloncesto.

Rivera Capón subliñou que “a Asociación Párkinson Lugo supón un soporte fundamental para o enfermo e para a súa familia; é un lugar onde compartir con outras persoas, afectadas ou non pola enfermidade, as súas experiencias e unha forma de traballo en grupo fronte á enfermidade. O Párkinson é unha enfermidade crónica e progresiva que afecta a máis de 150.000 persoas en España, das que máis de 2.000 son da provincia de Lugo”.

Con motivo desta iniciativa, a Deputación cederá entradas do contrato de patrocinio aos membros e usuarios da Asociación de Párkinson de Lugo para que acudan a presenciar o encontro de mañá, a partir das 20:45 horas no Pazo dos Deportes, e que enfrontará ao CB Breogán e o CB Clavijo.

Ademais, repartirase información entre o público asistente sobre a labor social que leva a cabo a Asociación de Párkinson na provincia de Lugo, cos seguintes obxectivos: mellorar a calidade de vida dos afectados e as súas familias; proporcionar información relacionada coa enfermidade, asesorando en aspectos médicos, psicolóxicos ou xurídico-legais; facilitar a conexión entre afectados; concienciar da necesidade dun diagnóstico correcto dende o principio; proporcionar unha atención integral e interdisciplinaria; representar ante a administración e ante as institucións os intereses dos enfermos de Párkinson e as súas familias; e sensibilizar á sociedade sobre a problemática desta enfermidade.

Ademais, dispoñen de diferentes terapias rehabilitadoras como: fisioterapia, logopedia, atención psicolóxica, taller de escritura, estimulación cognitiva, terapia ocupacional, información, orientación e asesoramento. Actualmente contan con máis de 100 socios na provincia de Lugo.

Outras colaboracións coa Asociación de Párkinson Lugo
A Deputación colabora coa Asociación de Párkinson Lugo mediante unha axuda anual de 4.000 euros para o seu programa de atención aos afectados por esta doenza. O Párkinson é unha enfermidade neurodexenerativa, de progresión lenta cuxos síntomas principais son: tremor, bradicinesia (lentitude nos movementos), inestabilidade postural e rixidez crecente dos músculos. É unha dexeneración crónica e progresiva das estruturas cerebrais encargadas da coordinación do movemento, o equilibrio, o mantemento do ton muscular e a postura.