Deputación de Lugo

Campos Conde distribúe os 20 millóns do Plan Único nos 67 Concellos cos criterios unánimes da FEGAMP

- O Presidente establece como criterios de distribución a poboación, superficie, entidades poboacións e envellecemento. Fíxase un mínimo de 150.000 e un máximo de 500.000 euros por municipio para favorecer o rural dende “unha Deputación co rural” - Campos Conde garante o Plan Único de 20 millóns na memoria da súa proposta de Orzamento, pois nela recolle que 10 millóns do presuposto son para esta iniciativa e que outros 10 millóns de remanentes se incorporarán posteriormente ao mesmo - En decembro, o Presidente xa adiantou no Parlamento galego que, á espera de pechar o exercicio de 2016, ía destinar este ano a programas con criterios obxectivos nos Concellos un mínimo de 12 millóns de euros. Feita a liquidación e coñecidos os remanentes de tesourería, Campos Conde incrementou este investimento aos 20 millóns

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, mantivo este luns unha xuntanza cos voceiros dos grupos políticos con representación na Corporación Provincial (PSOE, BNG e PP) para trasladarlles os criterios de distribución dos 20 millóns de euros do Plan Único, que incluíu na súa proposta de Orzamento para 2017. Campos decidiu que estes fosen os aprobados unanimemente pola Federación Galega de Municipios e Provincias no mes de febreiro, cando acordaron conxuntamente un total de 45 propostas sobre financiamento de cara á reforma da Lei das Facendas Locais.

Na seguinte ligazón pódese comprobar que a proposta 17 da FEGAMP apunta textualmente: Para o reparto da participación entre as entidades locais débense introducir factores que inciden directamente no custo que na prestación de servizos teñen que asumir. Proponse engadir na fórmula de reparto as variables “superficie”, “Número de entidades singulares de poboación” e “índice de envellecemento” de forma directa ou a través dun fondo específico integrado na participación, similar ao existente para as Comunidades Autónomas. http://bit.ly/2miFDhm

Polo tanto, ademais de manter a variable da poboación tal e como tamén acordou consensuadamente a FEGAMP; inclúense a superficie, entidades de poboación e o índice de envellecemento. Son estes 4 os criterios de distribución dos 20 millóns de euros do Plan Único nos 67 Concellos da provincia. Establécese un máximo de 500.000 euros e un mínimo de 150.000 euros por municipio para “favorecer o rural, dende unha Deputación co rural”, subliñou o Presidente.

Plan Único na memoria do Presuposto
Mañá, Campos Conde leva ao Pleno Provincial a súa proposta de Orzamento para 2017, no que incluíu o Plan Único de 20 millóns de euros. De aprobarse, destinaríanse 10 millóns de euros do Presuposto ao Plan Único. Os outros 10 millóns incorporaranse posteriormente, pois procedente de remanentes, a través da aprobación no Pleno de modificacións presupostarias. Así se reflexa e, polo tanto, se garante, na memoria da proposta de Orzamento de Campos Conde, tal e como se pode comprobar na seguinte ligazón (PÁXINA 2 DA MEMORIA:http://bit.ly/2miYisJ). Por petición do BNG durante as Comisións Informativas que se celebraron o pasado xoves, o Presidente incorporou isto mesmo (10 millóns do Presuposto e 10 de remanentes) nas bases de execución

Adianto do Plan Único en decembro no Parlamento galego
En decembro, Campos Conde xa avanzou no Parlamento galego, durante a súa comparecencia para adiantar as liñas xerais do Presuposto de 2017, que, á espera de pechar o exercicio do ano anterior, é dicir, de ter feita a liquidación do orzamento de 2016 para coñecer os remanentes de tesourería, poría a disposición dos “Concellos programacións coas que seguir ofrecendo solucións aos veciños por un valor provisional e mínimo de 12 millóns de euros, que tamén se distribuiremos en base a criterios obxectivos”, dixo textualmente. Pechado o exercicio, finalmente, 10 millóns do Presuposto son para este fin, e outros 10 millóns proceden de remanentes.

Antecedentes ao Plan Único
Campos Conde xa fixo isto mesmo, é dicir, unha distribución de fondos provincias con criterios totalmente obxectivos nos municipios con máis de 10 millóns de euros do Presuposto de 2016, a través das seguintes 8 programacións que ofreceu aos Concellos:

1.- DEPUEMPREGO: de 3 millóns de euros, distribuídos en base á taxa de paro, superficie, poboación e aos núcleos poboacionais, supoñendo axudas nos Concellos de entre 27.000 e 67.000 euros. Con este orzamento, o Goberno da Deputación financia os custos laborais da contratación dun total de 263 novos traballadores, cos que reforzar a prestación de servizos públicos que os Concellos teñen que ofrecer aos veciños.

2.- Servizo a Domicilio: de 1,5 millóns de euros, distribuídos en base ao índice de envellecemento, poboación, superficie e ás unidades de poboación de cada Concello. Supuxo axudas de entre 6.000 e 15.000 euros para que os municipios incrementen o numero de usuarios ou melloren o servizo aos 1.800 actuais.

3.- Plan de Obras e Servizos: contou cunha achega de 3,7 millóns de euros para obras municipais nos Concellos porque o Goberno da Deputación decidiu triplicar esta axuda con respecto ao ano pasado. Este orzamento distribuíuse en base á poboación, superficie, entidades de poboación e ao esforzo fiscal de cada Concello. Supuxo axudas de entre 40.500, no caso de Negueira de Muñiz, e de ata 130.000 euros, no de Lugo. Con este orzamento, os municipios fixeron melloras en servizos públicos municipais.

4.- Plan de Aforro Enerxético: de 1,5 millóns de euros, que se distribuíron en base á superficie, poboación, núcleos poboacionais e esforzo fiscal de cada Concello. Supuxo axudas de entre 16.000 e 46.000 euros nos municipios. Con este orzamento, o Goberno da Deputación financia 61 melloras en alumeados públicos, 30 instalacións de caldeiras da biomasa e 9 illamentos térmicos en instalacións públicas municipais dos Concellos.

5.- Plan de Tic´s: de 300.000 euros, que se distribuíron atendendo á superficie, poboación, esforzo fiscal e ás unidades de poboación de cada municipio. Con estes fondos, o Goberno da Deputación financia as melloras que os Concellos teñen a obriga de levar a cabo nas súas ferramentas tecnolóxicas debido á entrada en vigor da Lei do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e a do Réxime Xurídico do Sector Público.

6.- Axudas para actividades culturais: foron 80.000 euros, que se distribuíron nos Concellos en base á superficie, poboación, núcleos poboacionais, esforzo fiscal e aos equipamentos culturais de cada municipio.

7.- Axudas para actividades deportivas: foron 80.000 euros, que se distribuíron nos Concellos en base á superficie, poboación, núcleos poboacionais, esforzo fiscal, instalacións deportivas e ao número de clubs deportivos de cada municipio.

8.- Axudas para obras ou equipamento nas instalacións culturais: foron 80.000 euros, distribuídos nos Concellos en base á superficie, poboación, núcleos poboacionais, esforzo fiscal e ás instalacións culturais de cada municipio.