Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación presenta a canle de crowfounding Goteo, na provincia de Lugo

- Na presentación, que arrancou Cun obradoiro que aporta información sobre este modelo de financiamento, aos 5 proxectos seleccionados pola área de Cultura da Deputación - García Porto subliñou que “dende o Goberno da Deputación apostamos por este tipo de proxectos para que exista, na provincia de Lugo, unha canle que fomente proxectos relacionados coa economía creativa e de colaboración” - O Executivo Provincial colabora coa Fundación Uxío Novoneyra cunha achega de 35.000 euros para actividades e obradoiros durante todo o ano

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, presentou este venres o canal da plataforma crowfounding Goteo para Lugo, organizado polo Goberno da Deputación, a Fundación Goteo e a Fundación Uxío Novoneyra. A presentación incluíu un obradoiro de formación sobre a financiación de crowfounding para asesorar sobre este modelo de financiamento aos proxectos seleccionados pola área de Cultura da Deputación. O Executivo Provincial colabora coa Fundación Uxío Novoneyra cunha achega económica de 35.000 euros para a celebración de diferentes actividades e obradoiros durante todo o ano.

García Porto destacou que “dende o Goberno da Deputación e en colaboración con ambas fundacións, creamos un equipo reforzado que aposta por este tipo de iniciativas para que exista, na provincia de Lugo, unha canle que fomente proxectos relacionados coa economía creativa e de colaboración”.

No obradoiro, que ofrece o organismo provincial, Goteo asesorará aos 5 proxectos seleccionados pola área de Cultura da Deputación, para deseñar a páxina de crowfounding de cada un dos proxectos e aportarlles información sobre este tipo de financiamento.

Proxectos seleccionados
Os 5 proxectos seleccionados pola área de Cultura para o asesoramento sobre crowfounding son:

- O Proxecto Cuento mindfulness ‘Cae una estrella’ que busca nos nenos unha maior relaxación e paz interior coa axuda dos pais. O libro inclúe ensinanzas para traballar cos máis cativos e para vivir a vida con calma e tranquilidade.

- O Proxecto Liga Santaballesa que consiste na creación dunha nova parte do museo da Casa Habanera, na parroquia de Santaballa, no Concello de Vilalba, que englobe a ruta de 15 km que recorre os puntos estratéxicos e de máis interese recreando os momentos históricos.

- O Proxecto Custodia do Territorio co que recuperará a fauna e, especialmente, a flora da Comarca da Ulloa, eliminando o eucalipto.

- O Proxecto AIE – Internship, unha plataforma web de mobilidade internacional que conecta a estudantes universitarios, con organizacións ou empresas de nova creación que se localizan en cidades ‘Low cost’, ofrecendo oportunidades de prácticas internacionais en empresas europeas. O obxectivo é desenvolver unha nova xeración, innovadora e culturalmente visible.

- O Proxecto da Sociedade Protectora de Animais e Plantas que consiste na creación e mellora das instalacións da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo. Entre as iniciativas destaca a creación dunha gateira e unha clínica, ademais de aumentar o número de metros cadrados de cada parcela para que os animais teñan unha maior comodidade, entre outros obxectivos.

Fundación Goteo
A Fundación Goteo é unha entidade sen ánimo de lucro creada para asegurar o mantemento dos principios de apertura, neutralidade, transparencia e independencia no desenvolvemento e mantemento da plataforma de crowdfunding Goteo.org. A Fundación tamén promove un laboratorio de experimentación aplicada en torno ao procomún, o código aberto e o coñecemento libre en distintos ámbitos sociais, culturais e económicos. Goteo é unha plataforma de crowdfunding cívico e colaboración ao redor de iniciativas cidadás, proxectos sociais, culturais, tecnolóxicos e educativos. Con réplicas e alianzas en varios países, grazas ao seu código aberto, ademais de recoñecida e premiada internacionalmente desde 2011.

Fundación Uxío Novoneyra
A Fundación Uxío Novoneyra constituída no ano 2011 ten como obxectivos principais a conservación e difusión do legado do poeta; a promoción de actividades de estudo e investigación nos eidos da literatura, especialmente nos da poesía; a defensa do medio ambiente, en especial o relacionado coa súa obra, no eido territorial das súas actividades; a dinamización e promoción sociocultural da súa zona de referencia; e a potenciación e a difusión da cultura e a realidade sociocultural de Galicia no Exterior e a colaboración con entes público e privados de fins semellantes.