Deputación de Lugo

Arrancan as Rutas Fluviais da Deputación na Ribeira Sacra con 2.400 reservas en abril

- O Presidente inaugurou as rutas fluvias “Canón do Sil” e “Cabo do Mundo”, que funcionarán a partires de mañá e durante toda a Semana Santa ás 11:00 e ás 16:00 horas - Campos Conde remarcou que “tal e como tiñamos previsto, hoxe inauguramos a tempada 2017 das Rutas Fluviais da Deputación, un espectacular viaxe polo corazón da Ribeira Sacra que non deixa a ninguén indiferente” - As reservas das Rutas poden facerse on line en www.reservas.rutasembalses.es; ou de luns a domingo de 08:30 a 20:30 horas no teléfono 982-26-01-96 e no email catamaranes.turismo@deputacionlugo.org.

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañado polo Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, polo Alcalde de Monforte de Lemos, José Tome Roca, e 70 veciños, fixo este sábado a Ruta Fluvial Cañon do Sil que, xunto á do Cabo do Mundo, se puxeron en marcha hoxe mesmo, pois o Goberno Provincial conseguiu unha solución ao bloqueo do PP.

Campos Conde subliñou que “tal e como tiñamos previsto, hoxe inauguramos a tempada 2017 das Rutas Fluviais da Deputación, un espectacular viaxe polo corazón da Ribeira Sacra que non deixa a ninguén indiferente”. O titular provincial explicou que “a pesares dos intentos de bloqueo do Partido Popular, poñemos en marcha estas viaxes antes da Semana Santa. E facémolo con 6.800 reservas, 2.400 para o mes de abril”.

O titular provincial avanzou que os catamaráns dos ríos Miño e Sil veñen rexistrando un crecente número de viaxeiros cada ano. De feito, no ano 2016, foron 46.063 as persoas que navegaron por algunha das rutas, o que supón un 12% máis que no 2015.

O Presidente destacou que “aproveitando a afluencia de visitantes á provincia durante a Semana Santa, poñemos en marcha estas dúas rutas fluvias da Deputación para que máis xente descubra a riqueza que compartimos as provincias de Lugo e Ourense: a Ribeira Sacra. No Miño, coñecerán as Aldeas de Ribeira, as Vides, a Praia da Cova ou a Illa de Maiorga, entre outras belezas. E no Sil, os Miradores de Pena do Castelo, Chelos, Cadeiras, Soutochao, as Ribeiras do Sil ou as vides de Amandi. Con estas rutas fluviais estamos a dinamizar a economía local dos 21 Concellos de Lugo e Ourense que integran a Ribeira Sacra, beneficiando, directamente, aos profesionais dos máis de 400 establecementos da zona. É unha aposta polo ecoturismo para xerar riqueza e emprego”.

Horarios das Rutas Fluviais
O Goberno da Deputación inicia hoxe as viaxes en catamarán polos ríos Miño e Sil. O horario do seu funcionamento é o que se apunta a continuación a excepción da Semana Santa (dende o 8 ao 16 de abril) na que haberá rutas todos os días, unha ás 11.30 horas e outra ás 16.00 horas. Polo tanto, a excepción da Semana Santa, dende mañá e ata o mes de maio o horario é:

- Doade: “Canón do Sil”, de Santo Estevo ata o Mosteiro de Santa Cristina; de martes a domingo, e días festivos, en horario de 11:30 e 16:00 horas.
- Belesar: “Ruta do Cabo do Mundo” no Miño, no Concello do Saviñao; os sábados, domingos e festivos nacionais ás 11:30 e as 16:00 horas.

A partires de xullo e ata setembro, haberá viaxes de mércores a domingo, en horario de 11:30; 16:30 e 19:00 horas.

Central de Reservas
Os interesados en desfrustar dalgunha das rutas fluviais da Deputación poden facer a súa reserva a través da Central de Reservas, na que poderán gardar ou comprar os billletes; así como solicitar todo tipo de información. Pódese facer on line as 24 horas en www.reservas.rutasembalses.es; ou ben de luns a domingo de 08:30 a 20:30 horas no teléfono 982-26-01-96 e no email catamaranes.turismo@deputacionlugo.org. No Pazo de San Marcos, concretamente na planta baixa onde se atopa o departamento de Turismo, profesionais da Deputación tamén atenden persoalmente a todos os interesados. 

Solucións ao bloqueo do Partido Popular
O Executivo Provincial traballou dende o primeiro momento para abrir, tal e como sempre se fixo, as Rutas Fluviais da Ribeira Sacra o día 1 de abril e dende SUPLUSA. Para elo, o Presidente da Deputación levou ao Consello de Administración de SUPLUSA as bases para a selección, a través dun concurso público e aberto a todos os cidadáns, dos traballadores que prestan dito servizo aos milleiros de persoas que, ano a ano, se achegan aos catamaráns. No Consello, o Partido Popular decidiu bloquear este proceso e, polo tanto, a apertura das rutas.

Deste xeito, dende a propia tarde do martes, tras dito bloqueo en SUPLUSA, o Goberno Provincial comezou a estudar todas as posibilidades para abrir coa máxima axilidade as Rutas Fluviais.